
Sinto unha fascinación enfermiza por Donald Trump. Pasoume tamén con Putin, non crean, pero aquilo era máis lóxico; no fin de contas, é o inquilino do Kremlin, e xa saben o que nos pasa á xente de esquerda, que é dicir «Moscova» e xa nos poñemos tontorronas, só que o meu con Vladimir ten que ver con esa misteriosa indefinición, esa cara de autoborrado perpetuo, e, sobre todo, con esa mestura tan sexi do judo coa historia: cinto negro nas dúas cousas, nada menos. Decote imaxínoo vestido co quimono, lendo libros de Antony Beevor, e suspiro.
Pero coma para Stormy Daniels, o de Trump é distinto. Unha non pode non mirar a súa imaxe plasticosa, coma esa xente que se entretén con vídeos de espinillas. Logo está esa maneira de andar coma se, todo o tempo, ostentase na man o membro viril facendo piruetas. Os nosos ollos aí, na man, o membro e as piruetas, mentres el mete a democracia no dobre fondo da chistera. Bravo! Nun só xogo de mans, mandou ao paro a cúpula do FBI e a toda a axencia de cooperación estadounidense. Nun plisplás, o xornalismo fóra de xogo. Nin sequera Hitler era tan bo, e mira que me van os desfiles.
Imaxino que a vostede que me le non lle parecerá mal esta fascinación miña con quen, preocupado por poñer a Galiza no mapa, liberou a Henry Tarrío, o líder dos Proud Boys que preparou con extremo celo o asalto ao Congreso de 2020. Ademais, Donald Trump é o noso aliado, e a Deus grazas que non aplicamos aos seus fastos e roldas de prensa o mesmo nivel de desatención e incredulidade que ao exquerido Putin. Alivia saber que estou do lado bo do mundo, no Eixo aliado co xenio que deu coa maneira de, á fin, interesar na política a toda esa morea crecente de españois que saben que a terra é plana. Imposíbel deixar de ollalo.