
Acabamos de pasar no calendario o Día Internacional da Lingua Materna. Aquí, en Galicia, aproveitamos para pedir que lle deamos folgos ao galego, pero a celebración, amais de reflexionar sobre a situación lingüística do noso país, deume tamén para cavilar un chisco na idoneidade do nome do día.
Hai unha cuestión que moito me preocupa: para cantos de nós o galego é realmente a lingua materna? Polo que percibo, a gran parte da cativada sénteo coma un idioma alleo, estraño e descoñecido, un feito que non é máis que a consecuencia de non ser a lingua do berce. Daquela, canto de atinado é para o galego o título de lingua materna? Noutros tempos foi así, pero xa o destituímos desta honra.
Porén, o galego aínda é o idioma propio.
Ou alguén pode negar que sexa o idioma das galegas e dos galegos? Había ser dos andaluces, senón?
Dicíao Manuel María con esa claridade poética e rotunda dos seus textos: «Galicia somos nós: a xente e máis a fala».
Xa que logo, aínda podemos restituírlle a «maternidade». Mellor ter comezado antes, si, pero o momento tamén é agora.
Habitamos no tempo de falalo, usalo, sacalo á rúa e coidalo; o tempo de darlle o valor que sempre mereceu, pois nunca deixou de cumprir o obxectivo de calquera idioma: comunicar. Amais diso, defínenos.
Non hai sinónimos perfectos para a lareira, as filloas ou barruntar.
Son consciente de que acariñar cos dedos o horizonte é un imposible, pero resístome a non soñar coa perspectiva de que o galego sexa a lingua materna para unha porcentaxe alta dos meus veciños.
Se fósemos totalmente conscientes da nosa historia saberiamos que é de dereito. Si, estamos en débeda coa lingua. Non existe a menor dúbida.
Nestes tempos en que reclamamos xustiza constantemente, por que non restaurarmos a que está na nosa man?
Comecemos.