Rexeitaría unha quita da súa hipoteca?

Ana Pontón
Ana Pontón PORTAVOZ NACIONAL DO BNG

OPINIÓN

MARISCAL | EFE

28 feb 2025 . Actualizado a las 12:51 h.

O BNG logrou no acordo de investidura co PSOE que Galiza recibiría o mesmo trato que calquera comunidade autónoma en caso de condonación ou quita da débeda pública, para evitar quedar discriminada. Ese acordo ten hoxe unha cifra: 4.010 millóns de euros de recorte da débeda pública, o 33 % do total, que nos permitiría aforrar miles de millóns de euros para destinar a sanidade, dependencia ou vivenda, cun impacto directo na vida das persoas.

Rexeitaría vostede un recorte na súa hipoteca? Quen, con criterios de defensa de Galiza, diría que non? Pero a negativa do señor Rueda non é unha decisión en clave de país, senón de partido; prexudica a Galiza, pero beneficia á estratexia de confrontación de Feijoo co Goberno do Estado. Rueda, que votou a favor da quita no Parlamento, agora di que non poñendo os intereses do partido por riba de Galiza, nun novo exemplo de deslealdade co país que trata de xustificar con argumentos que non se sosteñen.

Por exemplo, que a quita rompe a igualdade porque se socializa a débeda. Onde estaba a preocupación pola igualdade cando se socializaba o rescate da banca por 123.000 millóns de euros ou as autoestradas madrileñas por 5.000 millóns, tamén cos impostos dos galegos? Por certo, o primeiro en defender unha condonación da débeda foi o Goberno de Rajoy en 2018, admitindo que as comunidades estaban mal financiadas.

O segundo argumento é que Galiza non ten un problema de débeda grazas á excelente xestión do PP. A verdade é que esa excelente xestión foi un maior recorte en servizos públicos a costa do benestar das persoas, pero aínda así o Goberno triplicou a débeda pública.

Finalmente o falso argumento de que a quita apenas supón un aforro. A realidade é que o custe da débeda é a terceira partida de gasto e en 2025 supón un custe de 1.763 millóns de euros, dos que 214 millóns son para pagar os xuros, por certo, máis caros porque en lugar de recorrer ao Estado o PP preferiu acudir á banca privada.

É evidente que vai haber comunidades autónomas que acepten a quita unha vez que reciba luz verde no Congreso, tamén do Partido Popular. A pregunta é se Rueda vai deixar que Galiza quede atrás mentres outros ganan recursos.

A quita non é, nin moito menos, a solución definitiva á discriminación que soportamos co actual modelo de financiamento asinado polo PP. Por iso o BNG reclama que Galiza teña o control do 100 % dos nosos recursos, ter a chave dos nosos cartos, como xa teñen Euskadi e Navarra e ben que lles vai. Pero mentres non conseguimos esa chave, renunciar a 4.010 millóns de euros de recorte na débeda é traizoar os intereses do país.

Algo que o BNG nunca fará porque para o BNG Galiza sempre está por diante, sempre, por iso defendemos a quita e por iso defendemos tamén ter a chave dos nosos cartos.