As mazás podres

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

BENITO ORDOÑEZ

01 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A miña madriña facía as empanadas de mazá máis ricas do universo. Ás veces colliamos as mazás do chan, outras rubiamos á froiteira para facernos co botín. Sexa como for, non lles dabamos tempo a podrecer. Pero todos sabiamos que era imprescindible vixiar as mazás podres, as patacas podres, as fabas podres. Cando as poñiamos a secar no patín da casa, quitabámolas de vez. Arrincabamos o problema de raíz. A sabedoría popular é así de eficiente.

Pero agora iso xa non se estila. Somos todos expertos e infalibles. Hai quen se resgarda nos títulos académicos, outros no que indagan polas redes, tamén aqueles que aseguran terse empapado de documentais. Todos sabemos, que ninguén nos corrixa. Hai quen, amparado nunha posición de poder, se erixe como ser supremo, por riba do ben e do mal.

Esquecer de onde vimos nunca foi bo. Por iso, esa esquerda que menosprezou a caste acabou por converterse noutra. Aquela que aseguraba ser a única posuidora da verdade, a defensora da verdadeira igualdade, a que nos ensinou o auténtico feminismo, apuntando constantemente o lixo de enfronte. O problema imperdoable foi ocultar as mazás podres en lugar de expulsalas da súa saca. Errejón e Monedero seguiron nos seus partidos cando xa se sabía que facían xusto o que condenaban. Eles, os grandes defensores das mulleres, dedicábanse a acosalas amparados no seu poder.

As mazás podres, co paso do tempo, cheiran e contaxian as boas. Poden estragar toda a saca. A peste entón xa non ten volta, por máis que se predique.