
Recentemente, o Ministerio de Xustiza francés decidiu endurecer os requisitos necesarios para os inmigrantes ou refuxiados obteren permiso legal de residencia. Non abonda con declararen a vontade de melloraren o seu coñecemento ou dominio da lingua francesa, senón que han de sofrer un exame que demostre a súa competencia tanto oral como escrita nesta lingua. Hai universitarios franceses, nativos, que recoñecen que non pasarían esta proba con éxito. A medida calcúlase que atinxirá entre quince mil e vinte mil inmigrantes. De modo e maneira que se considera que a debida posesión do idioma francés, como oficial da República, é condición sine qua non para residir e traballar no Hexágono. Valoran que non abonda coa inmersión —a absorción forzosa da lingua francesa—, senón que ela debe ser previamente acreditada para os peticionarios seren residentes franceses comme il faut. Imposición? Non, por Deus! Impoñer, o que se di impoñer, é o que fan o bretón, o catalán, o vasco ou o corso nas súas respectivas comunidades falantes. Reducidos á mínima expresión, iso si, mercé a unha inclemente política afrancesadora de longo percurso, alimentada pola monarquía absolutista e reforzada pola Revolución, que consideraba estas linguas «farrapos medievais» (Abate Grégoire) e condenadas á erradicación («Prohibido falar bretón e cuspir no chan»: advertencia en locais públicos da Bretaña en pleno século XX).
Só un pequeno detalle: non xa para ascender laboral-socialmente, senón para sobrevivir sen máis, en Francia ou sabes francés ou sabes francés, como no Reino Unido ou nos EE.UU. ou sabes inglés ou sabes inglés. É esta inmersión na lingua universal, por imperial, a que leva a proxenitores galegos a pagaren aos seus fillos estadías en calquera lugar de Inglaterra, Irlanda, USA… para un eficaz dominio da lingua que lles ha de abrir a porta, cal milagroso talismán, á ilimitada prosperidade económica. E rebus sic stantibus resulta cómico, por non cualificalo directamente de todo o contrario, que aínda se discutan os mínimos exiguos de absorción do galego que existen; que se condene a inexistente inmersión ou que, na reviravolta máis falsa imaxinábel, se penalice a súa «imposición». Ula? Na Xustiza, na escola, na sanidade, na banca, na universidade, na Igrexa católica, na prensa escrita, na radio, na televisión, no audiovisual, nas redes…?
O galego é a «lingua propia» da Galiza (EAG 1981). Déixena respirar. Xa nos ocuparemos de que medre.