«Delilah»

Xose Carlos Caneiro
xosé carlos caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

Yury Martyanov EFE

06 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Ignoro de que ano é a canción. Tampouco sei por que me poño triste, ou coa alegría que só outorga a melancolía, cando a escoito. De casualidade. Por azar. Sae en calquera lugar internético ou radiofónico e todo regresa. Como un ciclón. Regresa Delilah, aínda que na miña casa dixeramos Dilaila. Na noiteboa eu cantaba algo parecido. E os tíos e a mamá e a avoa pedíanme que cantase Dilaila. Recordar quizá sexa un modo de volver a vivir. Aínda que a vida non cante Dilailas. Lembro a presenza poderosa de Tom Jones na única televisión do país. Eu quería cantar como el cantaba. Só o retrouso: «My, my, my, Delilah, why, why, why, Delilah?» O resto era tarefa imposible para un que era de francés, aquel EXB espléndido que soportou, anos despois, a infame ferida da Loxse. Agora, nas noites en que quero desprenderme dos libros (para que tantos) engánchome á memoria. E cae algunha bágoa. Porque somos o que perdemos. E mirar atrás só procura unha nostalxia enfermiza da que quero desprenderme. A nostalxia é o peor inimigo da alegría. E agora, que peta a primavera na porta de nós, convén non darlle ánimos á lástima. Sempre hai un motivo para levantarse. Aínda que chova. Sempre hai un motivo para non deixarse vencer. Somos tan efémeros que o mellor que nos pode pasar, digo eu, é pensar (saber!) que somos efémeros. Que todo o que temos deixaremos de telo algún día. Mesmo o amor, as caricias, os bicos, as palabras lindas. Chegará un momento en que soñar sexa un verbo imposible. Porque toda a felicidade ha de quedar no pasado. Como Dilaila. Why, why, why? Agora que chega a primavera, eu penso en ti. Como se fose o pano de bágoas onde as bágoas non existan. Dilaila. Delilah.