
Hai nomes que levan un destino escrito. É o caso de Soledad e Desiderio. Do primeiro non hai moito que explicar. O segundo, procedente do latín, fai referencia ao desexo. Soledad e Desiderio estrearon a maioría de idade facéndose noivos. Desde entón non souberon vivir afastados un do outro. Soledad necesitaba a mando do seu compañeiro, e este só tiña un desexo: que non lla soltara xamais.
Así pasaron os anos, tantos que levan décadas xuntos. Agora a cabeza ás veces xógalles malas pasadas. Os dous sofren de esquecemento. Por iso o seu fillo tivo que trasladarse á súa casa para coidalos. Así fixo ata que a situación foi insostible. Necesitaba axuda e pediuna. Nunha residencia estarían mellor atendidos. Os dous son dependentes, polo que ambos precisan dunha praza. Así lles foi concedida pero... en institucións diferentes.
José, quen foi froito do seu amor, é consciente da perda de vida que suporía separalos. Recolleu 90.000 sinaturas para solicitar que os enviasen a un mesmo centro. Como é de supoñer, a inmensa maioría dos que secundaron a petición non coñecen a Soledad e Desiderio. Non é necesario. Trátase dunha razón de humanidade. Por iso me parece un exceso que sexan necesarias tantas sinaturas para conseguir un obxectivo tan sinxelo coma ese: manter unida unha parella. Cunha soa petición debera ser suficiente. Pero o obvio ás veces precisa dun clamor universal para ser escoitado.
Con todo, quedo co destino dese nome, Desiderio, que logrou o desexo de permaneceren xuntos.