Putiferio no Senado

Siro
siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

Siro

15 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

É o que pasa cando non se está ben informado. «A información é poder», dixo alguén e dixo ben; pero debería engadir: «E a desinformación é impotencia». Vímolo esta semana no Senado, durante a sesión de control ao Goberno, no enfrontamento entre a senadora Ana Beltrán, do PP, e o ministro de Transportes, Óscar Puente. A senadora, co dossier das golfadas de Ábalos e Koldo baixo o brazo, lanzouse ao pescozo do ministro con palabras como coitelos. Faloulle das «señoritas de compañía» elixidas por catálogo, como mercancía, polo seu antecesor; recordoulle que figuraban como traballadoras con nómina en empresas públicas, sen outro requisito laboral que o de exercer de amantes do ministro Ábalos, e preguntoulle se lle parece lícito que os españois paguemos os desexos sexuais dalgúns socialistas. 

Ata aí ía de fábula, pero a euforia levouna a procurar a apoteose final cunha acusación xeneralizada: «Miren ustedes, señorías, señor ministro: todo esto es tan cutre tan chusco, tan socialista, que avergüenza a cualquiera». O «tan socialista» díxoo con énfase.

O ministro respondeulle que xeneralizar os comportamentos era indecente e que o PP non está para botar a lingua a paseo. Para demostralo preguntoulle: «¿Le suena a usted Emarsa, señoría?». Á senadora Beltrán víuselle na cara que non lle soaba e, cando escoitou que era unha empresa pública de Valencia na que, baixo o Goberno do PP, se contrataban señoritas de compañía como tradutoras porque falaban romanés, non paraba de pestanexar. E cando o ministro soltou: «Que el partido de los volquetes de putas hable de señoritas de compañía es de un sarcasmo y un cinismo insoportable», quedou tan pasmada que non pestanexou máis. A senadora do PP non recordaba que en 2015 Alejandro Halffter, viceconselleiro da presidenta da Comunidade de Madrid, Esperanza Aguirre, satisfeito coas declaracións duns gardas civís nun xuízo por espionaxe a xente do propio PP, lle dixeran a un deles: «Hay que celebrarlo con un volquete de putas». Un volquete de putas! Haberá maior menosprezo para as mulleres que exercen a prostitución que equiparalas ao cemento e aos ladrillos? Pois tres anos despois aquel «truhan con pinta de señor» impúxose nun concurso de méritos a outros cinco candidatos e foi nomeado secretario xeral da Cámara de Comercio de Madrid. Sen dúbida, valoraron as súas calidades diplomáticas.

Os escándalos de políticos que van de putas e pagan con diñeiro público deberían avergoñar a toda a clase política, pero non é así. Ao PP avergóñano os escándalos dos políticos socialistas e ao PSOE os do PP. Xa o dixo o Bigotes, protagonista na trama Gürtel, na que tantas amizades se fixeron e tantos negocios se pecharon entre orxía e orxía: «Esto de la política es papel higiénico».