
A eliminación das poboacións de lobo ao norte do río Douro en España do Catálogo Lespre, tras unha accidentada tramitación no Senado e no Congreso no marco da lei de desperdicio alimentario, marca un novo tempo na xestión desta especie en Galicia. O novo escenario que emerxe, permitindo a caza do lobo dentro dun sistema regulado e supervisado con criterios científicos e técnicos, garante que as intervencións non comprometerán a viabilidade da especie. Esta medida alíñase coas directrices da Comisión Europea, que buscan compatibilizar a conservación do lobo coa xestión dos desafíos que a súa expansión supón para o medio rural e a gandaría en Europa.
É fundamental que a sociedade galega comprenda que, en Galicia, con máis lobos ca en todo Portugal ou Escandinavia, e cunha poboación case equiparable á de Francia, o lobo non está ameazado de extinción. Pola contra, está en plena expansión, xerando a necesidade de controlar as súas poboacións e minimizar os danos que ocasiona.
Na nosa comunidade resultaba inxustificable que normativas deseñadas para protexer a especie en territorios onde estaba en perigo de extinción dificultasen calquera actuación. A falta de aplicación de ferramentas de xestión adecuadas deixou a gandaría extensiva exposta a ataques recorrentes, con explotacións sometidas a constante acoso malia a implementación de medidas preventivas. Os ataques ao gando doméstico e ás mascotas en núcleos habitados, así como a drástica redución do cabalo galego en amplas zonas, son síntomas dun problema que non podía seguir sendo ignorado.
Nos últimos anos, Unións Agrarias reclamou, sen éxito, que Medio Ambiente autorizase intervencións extraordinarias de caza previstas no Lespre en zonas como O Pino ou a Mariña lucense. A consellería, con todo, negouse sistematicamente, preferindo aforrar tediosos procedementos administrativos e optando polo regate político co ministerio.
Agora, neste novo contexto, a Consellería de Medio Ambiente debe asumir plenamente as súas competencias na xestión do lobo. Unha vez fóra do marco Lespre, a responsabilidade recae exclusivamente na Xunta. É urxente establecer con claridade cando, como e quen levará a cabo as intervencións de caza. Debe decidirse se se retornará ao modelo previo, onde a caza recaía na caza social galega, ou se se adoptará un sistema similar ao de Asturias, no que os controis sobre o lobo son executados por axentes da Administración.
Xa non hai escusas: comeza un novo tempo no que a única opción viable para garantir a conservación do lobo coa convivencia co medio rural é unha xestión activa e eficaz, na que a caza regulada, lonxe de ser unha ameaza para a especie, debe integrarse como unha ferramenta esencial para o control poboacional, a seguridade das persoas e a mitigación dos conflitos do lobo coa gandaría.