Arquitecto e política

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

Denís E. F.

29 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Que ningún colega se asuste. Isto non vai de militancia nin de ideoloxía, senón da política como o instrumento do que dispoñemos os individuos e as sociedades con calidade democrática para concertar o público e o privado e participar na toma de decisións.

É verdade que a noción de política como exercicio da cidadanía está deturpada polo predominio dos obxectivos de partidos irreconciliables, que moitas veces ocultan os intereses creados de persoas ou grupos reducidos, a loita polo poder e a gloria.

O arquitecto constrúe a cidade desde o plan ata o proxecto e deixa unha pegada duradeira, porque a arquitectura como feito construído é unha realidade certa, neste presente fluído no que a falacia, a falsificación, a mendacidade son moeda de curso case legal. O labor do arquitecto, cando proxecta unha vivenda, un hospital ou un teatro, inscríbese de cheo en todas as políticas sectoriais, ambientais, territoriais, culturais, e así pon en relación a cidadanía, as administracións e o mercado, nunha combinación entre a urbs, o construído, a civitas, o social, e a polis, o goberno.

A arquitectura é a arte de construír para a vida, inicialmente como unha resposta case instintiva para protexerse dun medio hostil, despois cada vez con maior consciencia para agruparse, cooperar, preservar o ámbito privado e, tamén, para render culto ao poder e á divindade.

Constrúese moito porque as cidades se expanden, pero o que é arquitectura é unha proporción reducida. Entre o conxunto de edificacións impersoais, que acaban por mimetizarse, a arquitectura de calidade é capaz de deixar un legado patrimonial que ilumina o contorno.

En Galicia faise hoxe boa arquitectura, abonda con repasar os premios e as noticias nos medios. A estes profesionais novos diríalles que non se especialicen demasiado nin se deixen levar por modas ou correntes. A especialización elude a necesidade de contextualizar, analizar o que rodea a obra, pensar o edificio como parte dun conxunto que suma. O oficio ten que ir da man do pensamento, con intelixencia e sensibilidade.

É comprensible que os arquitectos vexan a palabra política con reservas, ata o punto de chegaren a utilizala para agachar as dificultades que encontran no seu traballo e limitan a liberdade proxectiva, aducindo que nas cuestións políticas non se meten. Pero a política, tal como aquí a concibo, relaciona e enlaza a arquitectura coas demandas das familias, da cidadanía, das administracións e co medio xeográfico, urbano ou natural.