
Celebramos o pasado xoves na RAG o Día da Poesía, que nesta edición dedicamos a Luís Seoane; e a Real Academia de Belas Artes lembra a Isaac Díaz Pardo no Día das Artes Galegas o próximo 1 de abril. Dous xigantes. Camilo Díaz Arias, o fillo maior de Isaac, está a preparar unha extensa biografía do seu pai na que documenta, entre outras cousas, a intensa relación entre os dous artistas, que se coñeceron na Compostela de 1936 e volveron atoparse en Bos Aires en 1955, logo da desfeita da guerra. Seoane marchara obrigado ao exilio e xa entón empezaba a salientar como pintor mesmo con certa proxección internacional. Díaz Pardo, que perdera traxicamente os pais (Camilo Díaz Baliño, asasinado en agosto de 1936, e a nai, Antonia Pardo Méndez, en 1938, como consecuencia desa morte), abandona as ofertas que recibía en Madrid case que para converterse en «pintor da corte», e sae para a Arxentina na procura doutros horizontes, que se cadra era a procura da súa propia historia.
Camilo Díaz Arias viviu unha parte importante daquela etapa arxentina, entre outras experiencias a creación das Porcelanas da Magdalena (1958). Era unha poboación próxima a Bos Aires na que emigrantes e exiliados galegos fundan unha empresa de cerámica, en parte orientados polos coñecementos que levaba Isaac da factoría de Sada, na busca dunha nova linguaxe (o Laboratorio de Formas) que desenvolvese algo que xa preocupaba aos dous: a relación entre creación artística e industria, entre identidade cultural e proxección económica, riqueza do patrimonio e renovación, iso que logo algúns chamaron tradición e modernidade. Camilo lembra visitar en compaña de Seoane a exposición que por aquelas datas se celebrara en Bos Aires dedicada ao movemento da Bauhaus, diálogo entre o deseño artístico e a produción industrial, que moito había de influír despois na experiencia Sargadelos.
Nas instalacións da Magdalena, e a instancia de Isaac, deseñou Seoane o mural que separaba o obradoiro das dependencias administrativas da fábrica: 2,30 por 3,90 metros, 200 kilos de peso, que a Xunta de Galicia recuperou en decembro de 2020 e pode contemplarse na Cidade da Cultura, no Gaiás. Había unha diferenza de idade de dez anos entre eles (1910-1920), mais foi unha amizade moi intensa, fondamente sentida, que deixou unha pegada imborrable non só nas artes plásticas, tamén na edición, no activismo cultural, no deseño, na empresa, na formación de novos creadores e, sobre todo, na concepción dunha Galicia comprometida co seu tempo e aberta ao mundo. Entre a Magdalena e Bos Aires concibiuse mediados os anos 60 o libro Galicia hoy (1966), manifesto contra a ditadura de Franco que imprimiu Gráficas López na capital porteña e distribuíu despois Ruedo Ibérico, un dos primeiros textos de denuncia antifranquista que recibía dende o exilio a miña xeración.