
Hai unha semana comenteilles que estaba a ver unha serie española, Os misterios de Laura, e mesmo lla recomendei por ser menos sanguenta e violenta que a maioría das que se proxectan. Pois resulta que me chamou unha amiga de infancia para dicirme que está moi preocupada pola miña saúde mental porque non entende que poida recomendar «semellante disparate». Dime que ninguén no seu san xuízo pódese crer que Martín, o compañeiro de investigación de Laura, estea namorado dela, unha muller ridícula, que por idade pode ser a súa nai. Martín —di a miña amiga— é deses homes que che mira aos ollos e esqueces de golpe todas as normas morais e todas as precaucións anti sedución que nos inculcaron as nosas familias (a miña e a da miña amiga). E non só Martín —continúa—, todo home de bo ver que aparece na serie namórase inmediatamente de Laura. Se tragas iso —conclúe— é que a túa cabeza xa non é a que era e perdiches todo o teu sentido crítico. É posible que teña razón, pero penso que os meus lectores e máis eu temos dereito a gozar dunha serie intranscendente, que nos permite irnos a durmir sen preocupacións engadidas ás inevitables de cada día. En series francesas, os personaxes namóranse do protagonista Gerard Depardieu, que non é precisamente un adonis. Así que non vexo a razón de criticar que os personaxes españois namórense de María Pujalte, aínda que sexa xa cincuentona. Para falar dos misterios do amor tería que falar de Stendhal, de novelas onde amor, namoramento e desexo únense á crítica social para lograr obras mestras imperecedoiras. Malia que Os misterios de Laura está moi lonxe diso, manteño a miña recomendación sobre a serie española.