O estilo

OPINIÓN

Dado Ruvic | REUTERS

12 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A intelixencia artificial xenerativa estes días amosou o seu músculo pondo ao dispor do mundo a posibilidade de converter imaxes ao estilo dun artista concreto e dando uns resultados tan extraordinarios que poñen medo e erguen a cuestión de se se pode considerar plaxio o feito de imitar un estilo artístico. É certo que as artes son un proceso de imitación. Sempre nos queremos parecer a alguén, ata que remata por saír o noso propio estilo. Por iso gustaríame saber que opinaría hoxe Carlos Casares, que sempre dicía, referíndose á literatura, que o estilo non se debía notar, se vise como en apenas medio minuto a IA xera un cómic de Marvel achegándolle unha simple foto. En Pastiches et Mélanges, Marcel Proust xa fixera un interesante exercicio ao copiar, á mantenta, o estilo doutros autores nos que acabou disolvendo con éxito a súa propia voz. Pero o que estamos a ver estes días arrastra un novo conflito xurídico e ético, porque, aínda que poida parecer unha cuestión técnica, establece preguntas fondas sobre a autoría, a orixinalidade e os límites da propiedade intelectual. A realidade é que a tecnoloxía vai por diante das leis e a IA adéstrase con milleiros de obras de artistas concretos, algo que abre unha nova fronteira. Non se están a imitar só técnicas, úsase a ollada única e persoal dunha autoría. É, malia que a lexislación xa recoñece as obras derivadas, como poden ser as transformacións ou adaptacións, esas creacións novas que precisan da autorización do titular da orixinal, no caso da IA, isto non se pode aplicar porque non hai transformación da obra, senón do estilo. Se cadra, Casares volvería sobre as súas propias palabras e botaríalle toda a culpa ao mesmo feito de termos estilo.