Moita mofa

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Ana Escobar | EFE

17 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Resulta todo bastante grotesco, coma se o mundo fose un carnaval. E non o digo pola cor e a algarabía, senón polas burlas permitidas. Seguimos a voltas con descubrir quen ten responsabilidade na xestión da terrible dina. Agora resulta que a Generalitat conservou as imaxes das cámaras de seguridade do Cecopi, coas que pretende demostrar que Carlos Mazón foi un dirixente responsable e eficiente; pero borrou as gravacións do Palau do mesmo día. Vaites! Xusto as que podían determinar onde estaba o presidente, o misterio da xornada.

Ollo! Non me sexan mal pensados, que isto fixérono porque lles obriga a lei, por protección de datos. Debe ser unha lei moi específica cando permite as gravacións nun organismo e noutro non. Tampouco é de estrañar, pois tamén o fiscal xeral do Estado fai borrados integrais do seu teléfono, por posuír neste datos altamente sensibles. Así que, xusto antes de serlle requirido o devandito aparello, plum! Reseteo.

Non lles parece demasiada mofa? A min resúltame máis ca suficiente. Un exceso, diría eu. Xa está ben de non ternos en consideración, de tratar aos cidadáns aos que representan coma se fósemos parvos. Merecemos un mínimo de respecto e un chisco de dignidade. Entendo que queiran defenderse e negar a maior e a menor, pero para todo hai límites e isto é demasiado insolente e roza o desprezo. Non digo que a culpa non sexa nosa, porque volveremos votar o mesmo e aturar descaros iguais. Que ganas, como dicía Mafalda, de parar o mundo e baixar un tempo del.