
Elon Musk, xa saben, o dono de Tesla, os coches, e, sobre todo, o dono de X, esa rede social que pode facer que mediocres absolutos gañen eleccións, e que foi fichado por Trump para levar un departamento que se chama «de Eficiencia Gobernamental» e que, no básico, ten como obxectivo botar xente á rúa (sobre todo a xente que molesta), vén de descubrir que non é nada eficiente estar no Goberno dun ocorrente que hoxe di unha burrada e pasado outra, pois os beneficios da súa empresa caeron un 71 %, o que é unha barbaridade para calquera, pero, sobre todo, para os supermillonarios que pensaron que, entrando no Goberno, ían facerse aínda máis supermillonarios. Por algo vivimos na ricocracia.
Trump segue facendo medrar as súas contas. O Partido Demócrata está pensando en montar unha comisión de investigación para ver se os beneficios das empresas do presidente, que medraron hai un mes salvaxemente logo dunha operación con criptomoedas, en realidade se deu porque o empresario que agora goberna o mundo xogaba con cartas marcadas, é dicir, con información privilexiada. Todo indica que si. Mais nos EE.UU. semella que iso non lle preocupa a ninguén. Trump está condenado en firme por tropecentas cousas, pero iso non lle impediu gañar de novo.
Musk, porén, perde diñeiro. E el meteuse aí non por amor ás barras e estrelas ou á señora negra do sur do país que malamente chega a fin de mes. Musk é un megarricachón e, polo xeral, os megarricachóns levan mal non ser aínda máis superricachóns cada día. Así que vén de anunciar que vai «reducir a súa dedicación ao Goberno». Porque amiguiños si, pero a vaquiña polo que vale. No fondo, nada distinto ao que fan moitos outros políticos, tamén españois, cando esperan certas cousas, teñen certas perspectivas e, se non se conseguen, ao pouco de rematar as eleccións marchan para a súa casa. Deberían asinar algún tipo de contrato para aguantar os catro anos de mandato aínda que sexa na oposición. Pero probablemente teñen claro que están en política polo que están.
En todo caso, o que lle pasa a Musk é unha boa lección de optimismo para todos. O público consumidor (votantes) castiga a un señor que non disimula os seus gustos nazis, que escribe na súa rede contra as ONG, contra a poboación inmigrante, etcétera, dándolle onde máis lle doe: no peto, na conta corrente, no valor das súas accións. Porque a xente sabe que a vaquiña, no fondo, somos nós. E, de cando en vez, encántanos facernos valer.