Francisco

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

Siro

26 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Elixido papa, Jorge Mario Bergoglio tomou o nome de Francisco por san Francisco de Asís, o predicador candoroso que propuña unha forma de vida con sabor a Evanxeo, irmandándonos todos cos máis pobres. O papa Francisco rexeitou unha sociedade que nos fixo insensíbeis á miseria e ao sufrimento alleos e, ao mesmo tempo, a calquera forma de dispendio. Non entendeu, e díxoo, que 35.000 afogados no Mediterráneo cando fuxían da fame poidan deixarnos indiferentes e nos neguemos a acoller a outros que expoñendo a vida tentan chegar. Nada falou contra «o capitalismo san» que fortalece economías e crea postos de traballo; pero condenou o que fai os ricos máis ricos e os pobres máis pobres. As súas palabras non gustaron a amplos sectores dos fieis, e Francisco respondeu:

—¿Son católicos? Pues que lean el Evangelio. En el centro del Evangelio están los pobres.

Pero iso xa non é así. Como réplica á Teoloxía da Liberación naceu nos anos sesenta, en EEUU, a Teoloxía da Prosperidade, para proclamar que a bonanza económica e o éxito nos negocios son unha evidencia da bendición de Deus. Con ideas destes teólogos poderíase arranxar un monólogo cómico, pero os seguidores tómanas tan en serio que viron en Francisco «o representante do Maligno na Terra», chamárono «blasfemo, terrorista, zurdo fillo de puta» e ata rezaron para que fose ao ceo polo atallo. Francisco defendeuse ignorándoos e declarando que só segue a doutrina social da Igrexa e os acordos dos cardeais, previos á súa elección.

O que non puido ignorar foi a acusación de complicidade coa ditadura militar arxentina que un coñecido xornalista fixo en varios artigos e nun libro. A denuncia non puido ser máis perversa: Jorge Bergoglio, provincial da Compañía de Xesús na Arxentina, pedira aos xesuítas Orlando Yorio e Franz Jalics que deixasen o seu labor pastoral, claramente subversivo, e como se negaron fixo saber aos militares que os relixiosos non contaban co amparo da Igrexa. Despois despreocupouse deles durante os cinco meses que estiveron presos e sometidos a torturas. Non é certo. Foi unha catequista detida quen deu os nomes de Yorio e Jalics como membros do grupo Cristianos para la Liberación, que os militares relacionaban coa organización guerrilleira Montoneros; e Bergoglio non deixou de chamar a portas, mesmo ás do xeneral Videla e do almirante Massera, en procura da súa excarceración. Avalaron o seu proceder Adolfo Pérez Esquivel, premio nobel da paz pola defensa dos dereitos humanos, e a penalista Alicia Oliveira, que durante a ditadura perdeu o cargo de maxistrada. Porén, coido que Francisco tiña mala conciencia como membro da Igrexa arxentina. A Conferencia Episcopal puido evitar os 30.000 desaparecidos, pero demasiados bispos vían con bos ollos a ditadura e eran cegos á represión.

Eu vin en Francisco un pontífice diferente e un home bo.