
Cando se soubo que o Encontro Mundial de Humorismo homenaxearía na edición de 2025 a Castelao, alguén escribiu en internet: «Outra vez a voltas con ese sectario». Días antes eu publicara unha reflexión sobre a autocaricatura de Castelao que a RAG posúe e mandeilla a unha persoa relevante no mundo da arte e da cultura en Galicia, que me respondeu: «Estou farto de Castelao e compañía». Quen chamou a Castelao «sectario» non o coñece e quen está farto de Castelao coñéceo, pero non o entende. Nin a el nin a súa arte. Porén, algo de razón ten en estar farto da «compañía», á que eu pertenzo por ter publicados dous libros, ducias de artigos e dar outras tantas conferencias sobre a arte e o humor de Castelao. Dicía Bryce Echenique que se Freud soubese cantos charlatáns ían falar no seu nome, pegaríase un tiro. Se Castelao soubese dos charlatáns que falamos no seu nome, non se pegaría un tiro porque tiña sentido do humor para tomalo a risa; pero rir, riría a cachón.
Tamén eu río de colegas charlatáns que falan e falan e volven falar do Castelao político, pai ou tío carnal do nacionalismo galego; e do artista que deseñou os álbums de guerra para denunciar a represión fascista en Galicia, pero non din unha palabra do Castelao humorista porque pensan que é rebaixalo. O paradoxo é antolóxico: nun país onde a vivencia do humor é unha peculiaridade da nosa personalidade, hai intelectuais que menosprezan o humor en xeral e o de Castelao en concreto. Iso si, de cando en cando citan O segredo do humor, de Celestino Fernández de la Vega, que queda moi ben.
O certo é que o celme da personalidade de Castelao ten dous alicerces: a sensibilidade ética e a sensibilidade humorística. Por ética —non por vocación— entrou en política e foi un exemplo de compromiso e honestidade; pero do humor valeuse sempre: no desterro temporal en Badaxoz, no discurso en defensa do idioma no Congreso, no exilio definitivo na Arxentina e na elaboración dos libros que conforman o Sempre en Galiza. A obra literaria é escasa, si; pero abonda para convertelo no máis cervantista dos humoristas españois. Sabíao Wenceslao Fernández Flórez, que lle dicía nas dedicatorias dos libros: «Se o escribises ti, faríalo moito mellor». A mesma admiración sentía por el Bagaría, o máis prestixioso dos humoristas gráficos españois, que lle recoñecía: «¡Cuántas veces al contemplar tu obra me molestan mis rugidos!». E sabíano os labregos e mariñeiros, protagonistas dos seus debuxos, cando remataban as lerias sobre a actualidade coa sentenza: «Sonche cousas da vida por Castelao».
A homenaxe do EMHU é importantísima por orixinal e porque vai dirixida a un público maioritariamente mozo. Empezou o día da presentación cando Luis Piedrahita fixo un xogo de prestidixitación ante a prensa con catro viñetas do cartel que eu debuxara para o festival, continuou coa conferencia que a profesora Olivia Rodríguez e eu demos a dúo, e rematará hoxe, non sei como, pero seguro que co bo humor que Castelao merece.