Volver ao corrente

Pedro Puy
Pedro Puy DIARIO DUN CASE ESCÉPTICO

OPINIÓN

ANGEL MANSO

04 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O pasado 26 de marzo a comisaria europea de Xestión de Crises enumerou os obxectos que todo cidadán europeo debería ter a man para estar «preparados para calquera cousa». O kit, ben publicitado entón, incluía unha lanterna, un transistor, pilas, auga, unha navalla multiúsos, comida non perecedoira, cartos en efectivo ou medicinas. Enfrontada á lista por un xornalista, unha veciña do noso medio rural respondeulle que na súa casa, por suposto, sempre tiñan todo iso. Na aldea é o corrente.

Os gobernos progresistas non son tan escépticos e previsores como a xente do medio rural galego (e practicamente todos os galegos somos do medio rural) e por iso teñen moita fe no progreso, de aí que lles guste autodenominarse «gobernos de progreso». Pode caer Lehman Brothers que se un goberno progresista di, como Zapatero, que o noso Banco Central está a un nivel de excelencia na supervisión que é envexado por todos os países do mundo, o que fai imposible que en España haxa unha crise bancaria semellante, os que teñen fe no goberno de progreso dormen tranquilos. Aínda que despois teñamos a peor crise bancaria de Europa.

Se o mundo comeza a ver como un novo virus se expande e o voceiro do goberno de progreso, o científico Fernando Simón, agoira como moito dous ou tres casos, quen ten fe no goberno de progreso despreocupase e sae á rúa. Aínda que despois estivéramos á cabeza na dramática incidencia da pandemia. A fe permanece incólume, e mesmo aquel voceiro é promovido para presidir a hai pouco frustrada no Congreso Axencia Estatal de Saúde Pública. Ou se diante de alertas sobre os riscos dun gran apagamento manifestadas por empresas do sector, autoridades internacionais e mesmo gobernos estranxeiros, o progresista presidente do Goberno manifesta que «non vai haber apagamentos», «nin escenas apocalípticas que evocan en moitas ocasións as bancadas da dereita e a ultradereita xunto cos medios de comunicación que alentan esas novas e esas mensaxes», poucos son os que, sequera, pensan que é útil levar algo de metálico na carteira ou ter unha pouca de auga na casa máis aló da que repousa nas cisternas do baño.

O apagamento deixou, unha vez máis, probas da importancia do público, co comportamento exemplar dos servizos de emerxencia, sanitarios ou de seguridade. Tamén da importancia do privado, no subministro de alimentos e demais bens que abasteceron de inmediato a tanta xente. E, por suposto, da solidariedade xeneralizada, tanto as que axudaban desde o voluntariado a pasar a noite nas estacións de ferrocarril ata os transeúntes que orientaban nas grandes cidades os turistas perdidos sen GPS. Unha caída das redes, por certo, que tamén impediu a propagación de trolas e a organización de actos violentos por grupos antisistema.

Pero o apagamento debería deixar, cando menos, un pouco máis de escepticismo na tecnocracia e un pouco menos de fe nos gobernos de progreso. Os cubanos, expertos en apagamentos, din, co seu resignado senso do humor e acostumados ás interrupcións do subministro eléctrico, que é difícil seguirlle «a corrente» ao seu goberno. En España xa empeza a ser difícil seguirlle a corrente a este goberno de progreso que se esquece do que lle preocupa á cidadanía: o máis corrente, como a corrente.