Kip Thorne, en Galicia

Jorge Mira Pérez
Jorge Mira O MIRADOIRO DA CIENCIA

OPINIÓN

USC

05 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Isaac Newton enunciou en 1687 a chamada lei da gravitación universal. Foi un fito na historia da humanidade, no só porque desvelou que o movemento do Universo se rexía por esa expresión matemática, ou porque o impacto desa explosión da física acabaría influíndo o avance tecnolóxico dos vindeiros séculos, senón porque supuxo tamén un xiro cualitativo nas correntes de pensamento.

Parecía unha lei perfecta, pero a finais do século XIX empezaron a vérselle pequenas feblezas, que resolveu Albert Einstein en 1915 coa chamada teoría da relatividade xeral, que substitúe o traballo de Newton e hoxe en día é o paradigma co que comprendemos a gravitación.

A teoría da relatividade está considerada un dos maiores logros intelectuais da nosa especie, pero, curiosamente, o seu desenvolvemento científico estivo algo parado mentres viviu Albert Einstein. Non floreceu ata poucos anos despois do seu pasamento, en 1955. Entre esa nova xeración de investigadores empezaba nos anos sesenta a súa andaina Kip Thorne, que chega esta semana a Galicia. Foi galardoado co Premio Nobel de Física en 2017 polo seu rol no descubrimento das chamadas ondas gravitacionais, perturbacións do chamado espazo-tempo, o lenzo xeométrico no que a relatividade fai as súas contas. Xunto con Roger Penrose (nobel de física 2020 e premio Fonseca 2011) é o meirande referente vivo nesta disciplina. Une, ademais, unha importante faceta audiovisual, xa que a súa idea de buratos de verme no espazo-tempo como potenciais máquinas do tempo foi base de notables películas, como Interstellar.