
Lin unha carta ao director en La Voz, asinada por Manuel Gromaz, sobre silvicultura e política forestal. Un monte en debate, polo menos desde a moratoria sobre o eucalipto e a promoción de piñeiros e frondosas como alternativa.
A novidade desta carta non era só a variable da rendibilidade económica do monte, senón tamén a ameaza que se viña sobre del, particularmente nos piñeirais, derivada dos fungos colonizadores. «O que considero unha emerxencia para o rural de Galicia. Refírome ao fungo que está a secar os piñeirais da nosa comarca», afirmaba Manuel Gromaz na súa carta. Algo xa documentado polo catedrático —e labrego en exercicio— Manuel Marey, nas súas propias plantacións. Unha situación que o Goberno galego xa identificara no ano 2022, cunha primeira convocatoria de axudas para financiar o tratamento permanente de piñeirais (país, insigne e negro), de menos de 25 anos pero con menos dun 75% de defoliación. Ao parecer con poucos resultados sobre a eiruga procesionaria, e especialmente sobre os fungos foliares que afectan os piñeiros (banda marrón e banda vermella), motivo desa carta ao director. Fungos que chegaron aos nosos montes dende o leste de Asturias, e antes en Cantabria e no País Vasco.
Galicia é un país de acollida para fungos, e outras pragas que chegaron. Poñamos o gurgullo vermello das palmeiras ou a pulga guatemalteca da pataca. As características bioclimáticas e os abandonos da xestión, xunto coa propiedade non coñecida de moito do monte e as terras, fan que as producións acaben afectadas polos fungos.
Entre os máis sabidos, ademais da banda marrón do piñeiro ou a tinta do castiñeiro —recoñecida como un pseudofungo—, están o mildio e o oídio nas viñas, e a botrite e podremia negra. Sen esquecer o chancro e a antracnose no castiñeiro, xunto desta ultima, e o oídio nos carballos e rebolos, e uns outros fungos (de menor incidencia) en eucaliptos. Os fungos da pataca e tamén os dos grelos e nabizas amólannos nos cultivos de horta. Chegando outros ás árbores de froita, e mesmo ás plantas ornamentais como o que estraga ao buxo.
O monte está en debate, agravado polo hipotético aumento da demanda de eucalipto que suporía o proxecto Greenfiber en Palas de Rei, nunha clara competencia con aqueles montes a piñeiros ou frondosas.
Sendo o piñeiro reclamado polas empresas de transformación e madeireiras. Un debate que se amplifica por aquela oposición de vello contra eucaliptos e fábricas de pasta de papel.
Un debate que, con todo, non atende os problemas provocados polos fungos que estragan os piñeirais, nin aborda a rendibilidade económica dos montes para os propietarios, nin para a cadea de valor alimentada polo monte (produtores, transportistas, serradoiros, fábricas).
Tempos de incerteza e angustiosos para un sector forestal que, entre fungos, moratorias, escaseza de alternativas industriais e despoboamento rural, está a perder o capital. Á espera de mais explotacións industriais.