Mário Soares e María Barroso

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

X. Estévez

11 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Estivemos no Porto para ver a exposición do centenario de Mário Soares na Casa de Serralves. Ao achegarnos ao centro caemos nun atasco provocado por un coche avariado. Na media hora que tardou a grúa en retiralo non se escoitou un claxon. Todo un exemplo de civilidade. Ao transitar logo polas rúas topámonos con multitude de turistas, coma nós, aínda que algúns pretendan ir como viaxeiros, que lles resulta máis refinado.

A Casa de Serralves é un expoñente do estilo art déco, con toques de racionalismo e con algunhas concesións ao modernismo. Os tons pastel na pintura harmonizan coas madeiras nunha atmosfera luminosa que transcende polos grandes ocos desde o parque. No entanto, no Museo, ampliado recentemente, a montaxe excesiva das exposicións dificulta o desfrute conxunto da arquitectura e da arte.

Soares foi deportado, pisou doce veces o cárcere e tivo que exiliarse en París pola súa loita contra a ditadura de Salazar e o seu compromiso coa liberdade. Retornou a Portugal apenas uns días despois do 25 de Abril para tomar un papel protagonista naquel insólito episodio de restauración da democracia, conducindo un movemento que parecía derivar de forma conflitiva nun esquerdista colectivista cara a un goberno socialdemócrata.

Mário Soares e a súa muller, María Barroso, omnipresente na mostra, crearon un valioso legado, escrupulosamente coidado polos seus fillos, no que xunto ao rico epistolario e os calorosos testemuños de personalidades da política e a cultura mundial, salienta unha notable colección de arte portuguesa e unha biblioteca exquisita —na nosa acepción, non na portuguesa—, con primeiras edicións de Camões, Eça de Queiroz, Pessoa… Estivemos varias veces con eles en encontros oficiais e privados. Mirábanse aos ollos, sempre pendentes un da outra, e compartían con largueza os seus intereses intelectuais.

«Foi o amor á cultura, foi a relação constante e visceral que a ela sempre me ligou, que fez com que a minha vida política se tivesse sempre entrelaçado com a minha constante paixão pela liberdade … A cultura é o sal da democracia».

É unha sentenza de Mário Soares, un político, escritor e pensador de gran valor. Hai dous tipos de sabedoría, a erudita, cargada de citas e datos, que pode resultar atraente nas conferencias e charlas pero que, ás veces, non permite saber o que pensa o propio autor, e aqueloutra que transmite un discurso propio, que convida ao diálogo, que non obedece só a unha ideoloxía senón que dá prioridade ao pensamento elaborado a través da lectura e a reflexión.