
Aproxímase o verán e é tempo de praia; polo tanto, tamén de concesións de bandeiras azuis. E xa apareceron as leas nada máis distribuílas. Que se as concede a Xunta, que se o concello é do partido da oposición, que a ver cando viñeron mirar a calidade das augas, que se ese non é o único criterio...
Buf.
Faga o que se faga, sempre discusións. Todo semella motivo de enfrontamento. E non debera ser así. Para este asunto propoño unha idea: eliminar todas as bandeiras azuis; así, de vez. No seu lugar, concedería bandeiras brancas. Para elas, os criterios non só se basearían en condicións ambientais e dotación de servizos, referiríanse tamén a cuestións psicolóxicas. Serían índice dunha praia na que poder pasear mentres se escoitase o mar, cun areal pouco contaminado de decibelios e malos fumes.
E para isto, a bandeira terían que gañala primeiro os dirixentes do concello e logo os usuarios.
Non me digan que non sería un bo verán, sen leas e disputas; sen andar a paus, vaia. Quen queira bañarse aquí, que se comporte. O que vén sendo o dereito de admisión por cuestións de convivencia. Impoñamos a calma, por que non?
Moitas bandeiras brancas serían precisas; a nivel mundial e tamén local, incluso persoal. Non esquezamos mirarnos a nós mesmos e cara a dentro.
A maior parte dos conflitos son evitables e todos somos responsables. En maior ou menor escala, temos nas nosas mans facer este mundo máis habitable, máis agradable. Así que é tempo de que as bandeiras brancas sexan a nosa guía.