A familia da pública

OPINIÓN

CESAR QUIAN

15 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai xa moito tempo que apenas vexo a televisión, tanto pública coma privada, pero iso non implica que non me interese o que alí se bota porque sei que hai moitísima xente que si a ve e aínda ten moito poder entre unha franxa de idade importante que tamén vota. Sei que non son os tempos en que a televisión tiña un poder case omnímodo para controlar o pensamento dunha boa parte da sociedade. Eran tempos exclusivos para estes medios masivos porque estaban en todas as casas e non competían con máis formatos cós da prensa e as conversas de bar. Saír na televisión pública era algo totalmente extraordinario. Lembro o meu pai, que tivera un papel moi secundario na serie Los camioneros de Sancho Gracia, e mesmo algúns emigrantes galegos que o coñecían o chamaran dende o estranxeiro, porque a serie se puxera en Alemaña e Suíza, para o felicitar por eses escasos vinte segundos nos que aparecía en pantalla. Hoxe, esa influencia reduciuse drasticamente por mor das redes e outros espazos que espallan as noticias, falsas ou certas, coma se fosen un andazo. Iso non impide que siga a haber en todos os partidos unha obsesión desmedida por meter man neses entes públicos, tanto autonómicos coma estatais, e convertelos nun lugar partidista. No mesmo intre en que hai cambio de Goberno, hai unha muda xeral de profesionais públicos coma se fosen cargos do propio partido gañador. É algo que levamos vendo, sen remedio, dende sempre.

O que algúns nunca imaxinamos é que na pública se lle puidese abrir a porta a esa familia de salvados que ofrece un espazo tan vulgar e estúpido coma un vómito. Non dubido que esta xente porá as vísceras para subir a audiencia, pero nese camiño o único que fará será varrer o prestixio que aínda lle quedaba á televisión pública.