
As mensaxes entre Pedro Sánchez e José Luis Ábalos nas que o presidente alude a xente do PSOE en termos despectivos non dan máis que para animar espazos televisivos de contos e chismes. Gabriel Rufián, sempre «ao loro», fixo un comentario moi seu: «Para hablar de salseo, me encantaría conocer los wasaps entre Cayetana Álvarez de Toledo y Casado, entre Ayuso y Frank de la Jungla. Más serio, entre Feijoo y Mazón, sobre todo cuando el segundo estaba en El Ventorro».
O peor de Gabriel Rufián é o apelido. Cando chegou ao Congreso, hai dez anos, eu pensei que lle acaía porque vía nel «un mosso catalán maleducat, fanfarró i tocapilotes», disposto a armar lea por un quítame de aquí esta palla. Pero o tempo pasou e aquel Rufián semella outro. Nunha entrevista con Jordi Évole, o xornalista preguntoulle que fixo mal o independentismo para estar como está, e respondeu: «Repartir carnés de pureza, y yo he participado. Me avergüenzo de ello». Recoñeceu que os militantes de Esquerra non souberon seducir a esquerda non nacionalista, pero necesaria para construír a Catalunya que queren e, na vez de entendela, «la denostamos, la insultamos, la jodimos. Y eso es un error total». Tamén admitiu ter un ego como un camión e que daquela era un parvo e se cría «la hostia».
Pero mudou de pirómano a bombeiro, e a Asociación de Periodistas Parlamentarios concedeulle o premio Emilio Castelar ao mellor orador do ano 2024. Non foi por sorteo nin por amiguismo. Cando Gabriel Rufián fala, ten a atención da Cámara. Si, hai bancadas enteiras que foxen para non aturar as súas mofas e os seus ferretes; pero tamén hai quen fica no escano porque sempre di algo que cómpre saber ou lembrar. Fíxoo no «Debate do Apagón» cun discurso que en realidade foi un mitin con sordina e introdución orixinal: «Esto de hoy no va de tecnología, va de ideología. No va de energía, va de dinero». E falou do diñeiro que o lobby das nucleares e o lobby das grandes eléctricas pagan á dereita española, á ultradereita española e á dereita catalá para defenderen os seus intereses. Como cando cos seus votos quitaron un imposto ás enerxéticas, que pasaron a gañar 11.000 millóns de euros máis ao ano. E meteu o dedo na chaga: «El oligopolio eléctrico privado hace lo que quiere porque puede. El 40 % de los expresidentes, exministros, ex altos cargos han acabado en el consejo de administración de las eléctricas, aunque la mayoría no distinga un enchufe de un interruptor».
Nada que non soubésemos, pero Rufián conseguiu encirrarme contra a casta política coma se me collese de novas, e non deixo de preguntarme como puidemos, como podemos, tolerar iso, e o da xubilación de Mazón, e os falsos contratos ás amantes, e as orxías con puterío... Non, non o entendo.