O revolucionario

Pedro Puy
pedro puy DIARIO DUN CASE ESCÉPTICO

OPINIÓN

Gastón Britos | EFE

18 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Domingo, 2 de xuño do 2013, sete e cuarto do serán. No patio de San Xoán, no Hostal dos Reis Católicos en Santiago, corre unha suave brisa, a tardiña é cálida e a expectación máxima. Nun anaco comparecerá o presidente da República Oriental de Uruguai e unha ampla representación social e política de Galicia agarda expectante a aparición do xa por entón mítico Pepe Mujica.

A súa traxectoria era ben coñecida, tanto como a súa austeridade vital. Milita desde 1964 e dirixe despois o revolucionario Movimiento de Liberación Nacional?Tupamaros, o grupo guerrilleiro de ideoloxía marxista-leninista que trataba de instaurar a través da loita armada un estado socialista no Uruguai, á calor da revolución cubana. A diferenza doutros grupos semellantes, practicaban a guerrilla urbana nun entorno democrático, e non fronte a unha ditadura militar. O xove Mujica participa en accións violentas e asume responsabilidades no liderado da guerrilla, aínda que, como el mesmo afirmou máis tarde, non matara a ninguén de «pura casualidade». Cando se produce o golpe cívico militar de 1973 está xa na cadea, pero pasa a sufrir 14 anos de torturas, malnutrición e illamento total en caixas de formigón, coa explícita ameaza de ser fusilado en calquera momento como reacción da ditadura aos atentados tupamaros. A volta á democracia no 1985 ábrelle as portas da cadea, os tupamaros abandonan as armas e intégranse na política democrática formando parte do Frente Amplio. Mujica, como Mandela, recupera a liberdade rexeitando explicitamente calquera forma de vinganza. No ano 2005, o candidato do Frente Amplio, Tabaré Vázquez, gaña as eleccións e Mujica entra no seu goberno; e o propio Mujica gaña a presidencia no 2010 como primeiro exguerrilleiro do continente que chega democraticamente ao poder.

Aquel domingo, un gran home, só fráxil de aspecto, tomou a palabra. En primeira fila, facéndose notar, varios dirixentes do BNG, con quen o Frente Amplio mantén relacións políticas. Mujica, desde a súa baixa estatura e con voz firme e doce, salientou a irmandade que senten os uruguaios cos galegos, e agradeceu a contribución de tantos emigrados ao desenvolvemento do Uruguai. A continuación, sinalando as torres da Catedral, lembrou a importancia cultural e social da Igrexa, para eloxiar o legado hispánico en toda América Latina. Louvou os contactos comerciais cos empresarios galegos e reivindicou a integración económica e comercial latinoamericana como motor do benestar e a igualdade. Puxo como exemplo de éxito a imitar a Unión Europea. Posiblemente fose unha impresión subxectiva, pero conforme falaba o presidente, e a brisa corría polo patio de San Xoán, semellaba que a súa estatura medraba, xusto coa mesma intensidade coa que se engruñaban os membros do BNG presentes no acto.

Nun dos seus escolios, o colombiano Gómez Dávila afirma que un período histórico é o lapso de tempo durante o que predomina unha determinada definición do lexítimo, e a revolución é o tránsito dunha definición a outra. Aquel 2 de xuño do 2013 coñecín un revolucionario, que na procura da igualdade e o benestar transitou da loita armada á defensa e lexitimación da democracia e da liberdade individual.