
Ao descoñecermos (aínda!) as causas do apagamento eléctrico, cismamos nel continuamente. Imaxinar non custa cartos e tampouco ten cancelas, polo que eu valoraba a posibilidade de facer apagadas á carta. Non me importaría que, de súpeto, se bloqueasen as redes sociais. Teriamos que volver mirarnos aos ollos, en fite, para dicirnos as cousas, ou chamar por teléfono e escoitar a voz da outra persoa, ou tomar decisións baseándonos no criterio propio en lugar de que decida un algoritmo por nós.
Levémolo aos libros. Imaxinen ir mercar un libro sen deixarnos levar por esa foto que vimos no Instagram, ou a expectación creada polo propio autor que realizou un vídeo para X. Teriamos que ir á libraría e preguntar, dar pistas sobre o que nos gustaría ler (ou agasallar) e deixarnos guiar polo responsable do negocio. Mellor aínda, deberiamos ruar polo local abrindo volumes, lendo a capa de atrás, elixindo parágrafos ao chou e petiscando historias.
Un día que fun coas nenas á libraría ao pé da casa, dicíame o dono, Roberto, que xa non era habitual deixalas ceibas entre as páxinas para que elixisen, que os pais van directos ao pedido. Vaia! Co que nos gusta usmar na vida dos outros e cando mercamos os libros facémolos de oído. Non, ho, metan o fociño dentro! Que para iso están!
É unha ilusión, mais gustaríame volvermos a tocar as páxinas. Mágoa que sexa imposible provocar un rede-apagamento. Como moito, inutilizarei as miñas redes sociais. Aínda que, entón, seguramente vostedes deixen de lerme.