O regreso

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

22 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A pasada semana o Paco Mariló mais eu discutimos. Gravemente. Mesmo levantamos a voz de modo ameazante, agresivo. Os clientes do Fidel’s miráronnos sorprendidos. O Bubú nin se inmutou, é un home alleo a calquera tipo de conflito. O Bernardo non deixaba de dicir «haxa paz, haxa paz». Non a houbo. Eu proclamei varias imprecacións impropias na miña persoa, e moito menos dirixíndome ao meu amigo da alma. Porén debo dicir no meu descargo que hai semanas que o Paco Mariló anda buscándome as cóxegas, tocándome as entrañas, amolándome. En tal tarefa contribúe de modo intenso o doutor Javier Ochoa. El non pretende posuír a verdade. Nin que non a teñan os demais. O do Javi é, sinxelamente, un afán por descadrar calquera razoamento dos tertulianos. Non quita a razón. Tampouco a dá. É dicir, se hai palla, el pon por riba da mesa un acendedor. Ou sexa, e en resumo, bota máis leña ao lume. En ocasións síntome acosado. O Bernardo tampouco axuda demasiado. E á máis mínima ocasión mete baza na miña contra. Nestas circunstancias extraordinarias boto de menos ao Juan Ramón. El sempre vai de cara. Podes dicirlle «boas tardes, Juanillo» e el pode contestarche tranquilamente: «Estarás contento con Tellado e con Ayuso, ai, mi madriña, que dous… e do teu Feijoo xa non digo nada!». Daquela empeza a lea. Pero se o Juanillo observa que son moitos contra min, ponse sempre da miña parte. Por iso o boto de menos estes días. Moito, Juan. A ver se regresas porque sen ti isto non é o mesmo. Sen ti, síntome só. Sei que es ti o único que pode contrarrestar o ímpetu destes tres cando se poñen a tirarme do xenio. Como no anuncio do turrón: «vuelve a casa, vuelve, Juanillo». Agardo o teu regreso.