A cheminea das Pontes: patrimonio?

Xaquín S. Pérez-Sindín DOUTOR POLA UNIVERSIDADE DA CORUÑA. ACTUALMENTE É PROFESOR ASISTENTE NA SECCIÓN DE XEOGRAFÍA DA UNIVERSIDADE DE COPENHAGUE

OPINIÓN

María Pedreda

23 may 2025 . Actualizado a las 10:35 h.

A Xunta de Galicia vén de reabrir o expediente para declarar BIC a cheminea da central térmica das Pontes a instancia dun particular. A proposta volve poñer enriba da mesa unha cuestión fundamental, pero lonxe de ser sinxela: que elementos deben ser considerados patrimonio, e con base en que criterios? Esta pregunta faise especialmente delicada cando o símbolo en cuestión, lonxe de xerar consenso, divide profundamente a comunidade local.

Nas XXVI Xornadas sobre Patrimonio Industrial, celebradas en Oviedo en setembro do 2024, un equipo de sociólogos de diversas universidades presentamos os resultados dunha investigación centrada nas percepcións cidadás sobre o futuro das centrais térmicas de carbón en España. A enquisa, que incluíu unha mostra ampliada no concello das Pontes, pedíalle á veciñanza que valorase tres posibles usos para os terreos e infraestruturas das térmicas xa pechadas: reindustrialización (demolición para novos proxectos produtivos), renaturalización (recuperación do espazo natural) e musealización (conservación e uso cultural, educativo ou turístico).

A formulación da pregunta e as opcións de resposta foron consensuadas con colectivos sociais diversos e expertos en patrimonio, tamén a nivel local. Os enquisados tiñan a opción de valorar as tres opcións por separado do 1 ao 10, sendo 1 pouco interese e 10 moito interese na opción correspondente. Os resultados mostran algo significativo: tanto a reindustrialización coma a musealización foron as opcións máis valoradas, cunha lixeira vantaxe para a primeira. Porén, o máis revelador non é só a popularidade relativa destas opcións (que podería variar en función do erro da mostra até un 7 %), senón a súa incompatibilidade percibida: as persoas que apoiaban con forza unha das alternativas tendían a rexeitar claramente a outra. Noutras palabras, quen apostaba pola reindustrialización amosaba escaso ou nulo interese pola conservación patrimonial, e viceversa. Isto indica que non estamos ante opcións complementarias, senón ante visións contrapostas do futuro da vila, o que converte este caso nun claro exemplo do que os expertos denominan patrimonio difícil: un símbolo que, lonxe de unir, xera división e conflito.

Este fenómeno non se observa noutras zonas mineiras, como Asturias, León ou Palencia, onde as tres opcións obteñen valoracións altas e poden convivir sen tensións. Nas Pontes, pola contra, o desacordo é estrutural. Unha posible interpretación está na historia propia do lugar: un boom mineiro moi rápido e recente, nos anos setenta e oitenta, que trouxo consigo unha transformación abrupta do territorio. Non houbo tempo para construír unha identidade mineira compartida, como si ocorreu noutras rexións con tradición centenaria. De feito, a única provincia que mostra uns patróns semellantes é Teruel, onde, cabe recordar, a minaría (especialmente na comarca de Andorra) tamén foi máis recente e acelerada. Isto non quere dicir que non haxa un apego simbólico per se, pero si deixa entrever que, sexa cal sexa ese apego, non é abondo como para que a maioría da poboación poña por diante a súa conservación fronte a outros usos do solo que se perciben como máis útiles.

Que un grupo de persoas lograse recoller sinaturas a favor da conservación é un indicio claro de que existe sensibilidade patrimonial nunha parte da poboación, algo que tamén confirman os resultados da nosa enquisa. Pero non é equivalente a un consenso social nin pode interpretarse como representación do conxunto da cidadanía. A formulación da pregunta e as categorías de resposta tamén foron consensuadas con varias das institucións que apoiaron a recollida de firmas en favor da conservación da cheminea das Pontes.

Por todo isto, declarar BIC a cheminea das Pontes, nas actuais circunstancias, sería un erro. Non porque careza de valor arquitectónico, senón porque o patrimonio non pode ser imposto alí onde divide (algo que iría en contra da Carta de Nizhny Tagil sobre patrimonio industrial, a cal asume a necesidade dunha identidade compartida). Desde o punto de vista dos estudos contemporáneos sobre patrimonio, especialmente con relación a lugares con lecturas contrapostas, recoméndanse solucións non intrusivas, que non impidan a convivencia de distintas memorias nin impoñan unha visión única do territorio.

A responsabilidade da Administración debería ser, como mínimo, impulsar unha nova enquisa que confirme os nosos resultados e, se fose o caso, un referendo local que lle permita a toda a cidadanía expresarse. De non facelo así, fiar todo ás voces expertas ou a decisións institucionais unilaterais rompe coa concepción democrática e inclusiva do patrimonio, e pode producir efectos contrarios aos desexados. O verdadeiro reto non é conservar estruturas físicas, senón coidar os vínculos sociais que lles dan sentido. Recordar sen impoñer, conmemorar sen glorificar, e preservar sen bloquear o futuro. Esa debería ser, hoxe, a prioridade.