
Israel ten un Goberno xenocida, pero nin o Estado nin o pobo de Israel son xenocidas. Expoño esta obviedade porque leo artigos e vexo vídeos tan cargados de odio aos xudeus que, sinceramente, prefiro ver como miles de españois votan a canción de Israel en Eurovisión para amolar a Pedro Sánchez a recordar as matanzas de xudeus que os nosos cristiáns vellos arranxaban de cando en cando no Medievo; os centos de xudeus conversos condenados á fogueira pola Santa Inquisición; e a saña de Franco e do franquismo —Igrexa incluída— ao «xudeumasónico», culpable de todos os males. Franco agradeceu reiteradamente aos Reis Católicos a expulsión dos xudeus «que libró a España de tan pesada carga»; franquistas coñecidos tratáronos de «raza maldita», culpable da condena e execución de Cristo, «un crime inexpiable»; e a prensa encheuse de textos arrepiantes como este do xornal Arriba España: «Polonia tiene la peor desgracia que puede suceder a un país: viven en ella tres millones de judíos, y si ya un judío es abominable, ese número debe producir miasmas fétidas al aire militar y católico de Polonia».
O curioso é que hoxe unha parte da dereita e a ultradereita españolas son proxudeas. Tanto, que premiaron coa Medalla de Honra da Cidade de Madrid o Goberno neonazi de Israel, empeñado en acabar cos palestinos de Gaza como se fosen unha praga de piollos. Máis curioso é que eses políticos de dereita e ultradereita que xustifican os crimes, e quen os segue, séntense cristiáns e proclámanse defensores do cristianismo. Coma o Franco que asinaba penas de morte dos roxos na sobremesa, entre grolo e grolo de café. Coma o cardeal Gomá, cando falaba de paz en plena Guerra Civil: «Es preciso que termine la guerra; pero nada de compromisos, nada de reconciliación. Esto nos dejaría donde estábamos. Hay que llevar la hostilidad hasta el fin y lograr la victoria a punta de lanza». E isto si é curioso porque así, igualiño, pensa, fala e actúa Netanyahu. Por iso estou certo de que se o bo Xesús aparecese coas súas benaventuranzas na Guerra Civil española fusilaríano os dous bandos e, se o fixese hoxe en Gaza, Netanyahu recibiríao a tiros como aos diplomáticos.
Eu sentín mágoa por Alberto Núñez Feijoo cando o oín chamar «actividades militares» ás atrocidades do Goberno de Israel, que está matando de fame ante as cámaras de televisión do mundo enteiro os palestinos, os nenos palestinos, sobreviventes dos bombardeos. Pero non podo crer que aplauda os crimes de Netanyahu, como non creo que o fagan os miles de votantes da canción de Israel no festival de Eurovisión. Coido que o Executivo de Israel, a empresa xudea patrocinadora do certame e a extrema dereita europea coordináronse para converter o espectáculo nun recital de cancións para un xenocidio, e conseguírono. Por iso penso que mentres Europa non espabile e non prohíba a participación de Israel, nós non debemos volver. Non temos nada que cantar.