
Unha canción de Serrat prestoume o título. Xa ten máis de trinta anos. Pero segue a ser tan actual como este maio en declive. «Decir amigo es decir lejos y antes fue decir adiós. Y ayer, y siempre, lo tuyo nuestro y lo mío de los dos». É unha canción precisa e preciosa. Sobre a amizade escribiuse moito. Porque a amizade é unha das grandes venturas do ser humano. Neste recanto escribo moitas veces da miña cuadrilla. Con alegría na maior parte dos xoves. Na maior parte. Porque algunha vez quere ganar a amargura. Iso é o malo, e o bo, da amizade: as aflicións do amigo convértense en propias. Pero os amigos estamos para iso, mesmo cando non estamos: para apoiar. «Lo tuyo nuestro y lo mío de los dos». Compartir, rir, cantar, arroz con leite e proteínas no lume. A amizade é unha táboa de cores que ti mesmo elixes. Na nosa cuadrilla sempre triunfa o azul ceo, claramente. Case nunca o gris ou o negro. Porque sempre hai alguén que conta unha graza e rimos. Díxolle o Paco Mariló ao Bernardo: «Na vida hai que aprender a dicir que non». «Ves tomar un vaso?», respondeu o Bernardo cunha pregunta. E o Paco rematou a conversa: «Non che vou dicir que non». Díxolle «non» dúas veces porque na vida hai que aprender a dicir que non. Non aos malos aires das caras longas, aos calumniadores, á falta de cariño e de tenrura. Non a tirar a toalla. Non á desesperanza. Non aos malos desexos, o resentimento ou o rancor. Non á xente mala e á mala xente. E non, sobre todo, á tristeza. Porque dicir amigo é dicir «vino, guitarra, trago y canción». E, se me apuran, aquela de Víctor Manuel: «Cuando llamas, estoy. A la hora que tú digas voy». Dicir amigo é un antídoto contra todas as sombras.