O alumnado de Bacharelato está ás portas das probas de acceso a universidade (PAU) e xa está a liorta montada. A que lle tocou desta vez? Ás faltas ortográficas.
Que se canto contan por comunidade, que se hai máximo, que se o importante é o contido...
Baixo a miña humilde opinión, o debate non debera ter moito percorrido. As mensaxes deben transmitirse de maneira correcta e, para isto, é imprescindible escribir con corrección, ortográfica e gramatical. A verdadeira lea non está en canto resta cada erro, senón nas confusións que provoca unha mala redacción.
Quen non recibiu unha nota, un correo ou unha mensaxe ao teléfono, que nos deixou cavilando varios minutos ata convencérmonos de que entendemos ben o mandado?
A falta de comas ou outros signos de puntuación, a confusión do «haber» co «a ver» e faltas de diversa índole, poden facer que comprendamos o contrario do que se nos quere dicir. Por todo isto é preciso telas en consideración.
Ratificar e rectificar escríbese semellante pero ten significado case oposto. E coma este, moitos casos máis.
Imaxinen estas equivocacións en historiais médicos, en proxectos de construción, no auto dun xuízo... pode provocar que non nos ofrezan o tratamento axeitado, que se derruben os edificios ou que nos acusan sen xustificación.
A rapazada é rapazada, si, pero o futuro está nas súas mans, xa que serán os responsables de guiarnos.
Mentres nos formamos, os erros deben contar. Cales? Ortográficos, gramaticais... todos!
Na miña opinión, as faltas de educación e de comportamento, por suposto, tamén.