
O pasado 30 de maio faleceu no Alentejo, na vila de Mértola, onde nacera hai 80 anos, o escritor, tradutor, novelista, ensaísta, editor e pensador da lingua Fernando Venâncio. Digo pensador da lingua (tamén podería dicir lingüista) porque a súa relación co idioma, moi principalmente co portugués, vai máis alá da filoloxía, e mesmo da creación literaria. Atinxe os saberes históricos, a reflexión sobre o uso e o estudo das mecánicas de relación e mesmo a xerarquía de sentimentos que explican a comunicación e as palabras, no seu caso da lingua portuguesa. Para moitos lingüistas tradicionais era un heterodoxo. Mais os seus traballos están aí, moi principalmente Así naceu unha lingua. Sobre as orixes do portugués (2019), traducido ao galego en Galaxia (2021), que en moi pouco tempo se converteu nun best-seller en Portugal, Galicia e Brasil.
Coñecino da man de Xavier Alcalá e Henrique Monteagudo. Fronte a certa tradición nacionalista, ou chauvinista, a tese de Venâncio profunda en algo que para moitos parece evidente, pero que seica non o é tanto: a autonomía e identidade propia do galego fronte ao portugués e, ao mesmo tempo, a estreita irmandade entre ámbolos dous idiomas. Digo que non o é tanto porque en certos sectores, repito, aínda escoitamos definir o galego como un subproduto ou dialecto da lingua portuguesa, ata o punto de que algúns inventaron ultimamente o termo de «portugués arcaico» para definir a nosa lingua, todo para non recoñecer a realidade histórica das orixes. Grazas a traballos como os de Fernando Venancio, e mais ao pulo creativo do noso idioma, esta posición non ten máis seguidores. Pero segue habendo importantes baleiros de comunicación (e coñecemento) entre as partes, sobre todo no ámbito portugués, que fan necesario profundar nesta relación.
A irmandade entre galego e portugués é unha realidade obxectiva. Irmandade histórica, fundamentada na orixe das linguas, que o profesor Venâncio subliña dun xeito especial, afirmando o galego como lingua orixinaria da gran irmandade galego-portuguesa-brasileiro-africana. E irmandade estratéxica, na medida en que a relación entre elas (o que en ningún caso significa perda da identidade propia) permite unha funcionalidade operativa na comunicación e mesmo na función simbólica que non debemos ignorar. O posible debate sobre a presenza do galego no Parlamento Europeo debería formularse dende esta perspectiva. O noso caso non é igual ao do éuscaro ou catalán, por máis que o valor simbólico sexa o mesmo. Co portugués xa instalado no sistema, os custos económicos para o galego serían moito menores, por non dicir mínimos, en comparanza cos outros idiomas. Non estaría de mais escoitar a Camilo Nogueira para falar da súa experiencia no Parlamento europeo. Co portugués como base o galego precisa de ben poucos recursos. Outra cousa é a significación simbólica (e política) do recoñecemento. Esa é a verdadeira cuestión de fondo, á que non podemos renunciar.