No ano de Deus de 1606 o Destino díxolle a Madrid: «Xa serás capital de España para sempre». Madrid preguntoulle por que, porque non teño nin historia, nin apenas habitantes, nin templos nin pazos, como patrón un labrego case analfabeto, e «non sirvo para lexislar, nin para ordenar, nin para impoñer». Iso si, Madrid tamén atopaba algunhas virtudes: «o ceo máis delgado, alto e luminoso (…) os montes evítanme o rigoroso estío e os pechados bosques o rigoroso inverno». A finais de maio do ano de Deus de 2025, os montes seguen aí, a calor adiántase ao estío e chega con San Isidro, e Madrid segue a ser a capital, pero agora con catedrais e pazos. Como o da Carrera de San Jerónimo, no que con regularidade o presidente do Goberno sométese ao control por tres grupos parlamentarios. O presidente do Goberno ademais dun gran resistente, é un parlamentario deses que ten estratexia e cínguese ao seu guión. Na última desas sesións na súa contestación a un primeiro grupo comezou dicíndolle: «No puedo estar más de acuerdo, lo único que le matizo…». A outro: «En primer lugar, comparto con usted la preocupación…». E a un terceiro grupo despachouno cun: «Ustedes inventan diariamente una crisis … ustedes en la oposición, con la casquería», «difaman a personas honestas», «menuda talla política, menuda falta de humanidad».
A deputada coa que non podía estar máis de acordo era a portavoz de Euskal Herria Bildu, que na súa pregunta afirmara, en perfecto castelán, cousas como que «creemos que ya es hora de avanzar mucho más en la agenda social y plurinacional, lo quieran las diferentes derechas y las élites empresariales y económicas a las que obedecen o no». A deputada coa que o presidente comparte preocupacións era a portavoz de Junts per Catalunya, que rematara a súa intervención en perfecto catalán cun imperativo: «apaguen xa a máquina de triturar á clase media catalá, visca Catalunya lliure!». E a terceira era parte da resposta ao líder do grupo máis numeroso da Cámara, que lle preguntara, na súa primeira intervención, exclusivamente polas subas de impostos, o importante incremento da fenda entre España e a UE en renda per cápita, e polo feito de que lideremos os datos europeos en pobreza infantil.
O diálogo entre Madrid e o Destino ven nun deses libros, Madrid. Crónica y guía de una ciudad impar” (1962), que se atopan nas librarías de vello que tamén proliferan na capital. O seu autor é Federico Carlos Sainz de Robles, historiador e cronista de Madrid, e pai do coñecido xurista que nos primeiros anos da democracia contribuíra á súa consolidación desde a presidencia do Tribunal Supremo. No mencionado libro, o Destino, cando Madrid enumera as súas belezas naturais, agóiralle que «todas elas haberán de consumirse en esixido holocausto polo insaciable Moloch que será a capital… ¡Canto traballará o machado e con que duros golpes para abater os teus bosques e utilizar as túas madeiras!». Madeira, en coherencia co dito na investidura, para elevar máis o muro que divide e polariza á sociedade española no 2025. Confiemos que nin Moloch nin o Destino se leven por diante a gran obra, esta si, que foi o consenso constitucional.