
Que pouco dura a memoria antifascista. Non pasou nin un século desde que o fantasma do fascismo aniquilou Europa e a extrema dereita, amparada na benintencionada tolerancia das nosas democracias, chantouse directamente no cortalumes. Amosándose coma salvadores de non se sabe que, metéronsenos na casa sen petar e instaláronse coma a rapariga aquela, Rizos de Ouro, na casa dos osos: coméronnos a comida, rompéronnos os asentos e inventaron un discurso tan mentirán coma autocompasivo para xustificárense. «Pobriña eu!», dicía Rizos de Ouro. En Portugal, ese país que, con flores, fixo a máis fermosa revolución antifascista, son hoxe segunda forza parlamentar, en menos de seis anos e grazas, en boa medida, ao voto emigrante dun país de emigrantes con veleidades antimigratorias.
Chega! non vén do verbo chegar, senón que equivale a «abonda», así macarras xa no título, amosándose coma salvagardas dunha indefinida orde anterior que nin sequera logrou definir a súa pica en Flandres, Meloni. Pero tanto dá: o obxectivo da ultradereita, coma os antisistema Trump ou Milei, é esgazar desde dentro as democracias, pois só nesa debilidade campa o capital ás súas anchas. Os pobres estorban e quedan case tan mal coma a intelixencia e as mulleres.
Os antepasados de Chega! en España, co seu elocuente lema «Muera la inteligencia», estragaron este país que, case cen anos despois, aínda non saíu dos seus propios traumas. Daquela, cando o ar era irrespirábel, adoitaba dicirse un esperanzado «sempre nos queda Portugal» que para os galegos tiña, ademais, esa aura de Arcadia coa nosa irredenta lingua inmaculada. Agora, somos nós os antepasados deles e xa non queda onde fuxir.