Galicia sen o galego

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Lorena Sopêna | EUROPAPRESS

07 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Creo firmemente que o máis importante das mensaxes é o contido, o que non implica que debamos esquecer as formas. Tamén opino que moitas mensaxes (así como promesas) se volven baleiras se non as acompañan os feitos. É bo, daquela, prestarlles atención ás congruencias entre uns e outros.

Desde a Xunta está a impulsarse a renovación do Plan Xeral de Normalización da Lingua, o que é índice de que o existente non acadara obxectivos. Está ben tratar de solucionar os problemas. Ademais, nesta iniciativa pretenden involucrar a sociedade en xeral.

Nada en contra que dicir ao respecto, pero non esquezamos que, para que isto funcione, debe estar apoiado, sen fisuras, por quen nos goberna, dirixe e representa. E o termo apoiar implica axuda ou, o que é o mesmo, unha acción a prol da causa.

O noso presidente acaba de deixar pasar dúas ocasións nas que facernos crer que de verdade defende o galego. Só tiña que subir ao carro das linguas cooficiais na UE, pero oficializar o galego non é para el unha prioridade. A poucos días, cando Ayuso ameazou con non escoitar a quen non falase castelán na conferencia de presidentes, Rueda saudou en galego, porque di que está orgulloso da lingua propia, e ao instante pasou ao castelán. Nin vascos nin cataláns se viron nestas.

Os xestos tamén falan, por iso non entendo como se pode pretender gobernar un país de costas á súa lingua, sendo como é un dos sinais de identidade máis grande dun pobo.

Galicia, sen o galego, será menos Galicia. Ata poderá ser outra cousa!