Maragatos en Lourenzá

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

Archivo MaragataCasa AC

08 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Da man de Anxo Raxó e Xoán Rodríguez Rivas visito o que no seu momento será a casa grande da Maragatería na vila de Lourenzá, a Maragatacasa, onde se traballa cara a creación dun centro de interpretación da sociedade, economía e cultura destas xentes de forte personalidade, con importante pegada na nosa historia e da que, non obstante, ben pouco sabemos. De feito, o centro será o primeiro destas características que empece a funcionar en Galicia, o que inclúe a recuperación da casa grande da familia de Bernardo Rodríguez, levantada a final do século XIX. Beatriz López Morán e Xosé Ramón Barreiro, que foi presidente da Real Academia Galega, publicaron hai anos un cumprido traballo sobre os maragatos na Coruña. Laureano Rubio, da Universidade de León, estudou o comercio e mesmo a dimensión social da burguesía maragata, que nas cidades galegas tivo grande importancia. Familias como os Botas, Carro, Alonso, Calvo, Calvete, Cordero, Cabrera, Salvadores, Morán, Seco, Criado… teñen as súas orixes nas terras da antiga Somoza, hoxe a Maragatería, con capital en Astorga.

Eran os arrieiros. Dende o século XIV hai noticias do seu oficio de transportistas de mercadorías, principalmente dende as súas terras de Rabanal del Camino, Castrillo de los Polvazares, Santiago Millas, Santa Colomba… Entraban en Galicia contra a primavera, coas súas recuas de machos, máis adiante tamén con carros, e traían o pimentón, mantas zamoranas, aceite, xabrón, arroz, queixo de ovella, augardente e viño de Castela, e levaban de volta preferente peixe seco, carne salgada, coiros traballados, liño… E diñeiro. Confiar diñeiro aos maragatos era sempre unha garantía: palabra dada, palabra segura, algo que andando o tempo os converteu en prestamistas e mesmo en banqueiros.

Unha parte da familia da miña muller, que vén da Maragatería, contaba as aventuras dos bisavós cruzando con neve as montañas de acceso a Galicia, e como se botaban aos animais para morderlles as orellas e que non claudicasen no medio do frío. Boa parte dos almacéns de coloniais en Vigo, Santiago, Ourense, Pontevedra, A Coruña eran dos maragatos, que a partir de finais do século XIX, principalmente logo da chegada do ferrocarril, empezaron a asentarse entre nós. E na cultura galega hai nomes sobranceiros como Andrés Martínez Salazar, segundo presidente da Academia, editor da Crónica Troiana e da Biblioteca Gallega de 1885, xunto co seu amigo Juan Fernández Latorre, fundador deste xornal; ou Marcelo Macías, tan admirado por Otero Pedrayo, astorgán tamén e fundador da RAG; ou Antolín López Peláez, académico correspondente naqueles primeiros anos, bispo de Jaca e arcebispo de Tarragona en 1913; ou Antonio Fernández Morales, que naceu en Astorga en 1817 e publicou en 1861, dous anos antes dos Cantares Gallegos de Rosalía, os seus Ensaios poéticos en dialecto berciano, o galego daquelas terras…