Polas nosas linguas oficiais, tamén en Europa

José Manuel Albares
José Manuel Albares MINISTRO DE ASUNTOS EXTERIORES, UNIÓN EUROPEA E COOPERACIÓN DE ESPAÑA

OPINIÓN

María Pedreda

08 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A identidade nacional española é plurilingüe. As linguas non dividen, as linguas son pontes; os españois vivimos e convivimos en español, en galego, en catalán, en éuscaro. A lingua non só se fala, na lingua vivimos, na lingua habitamos. Nos nosos idiomas pensamos, comunicámonos e relacionámonos. Por iso ás linguas propias volvemos sempre como ao fogar.

O español únenos a máis de 600 millóns de persoas coas que compartimos ideas, valores, lazos humanos e unha bagaxe cultural sobre a que construímos a nosa forma de ser e de estar no mundo. Por esa razón —porque conforman a nosa identidade nacional—, a promoción do español é unha das prioridades da nosa política exterior. E por esa mesma razón, porque tamén conforman a nosa identidade nacional, o galego, o catalán e o éuscaro deben ser linguas oficiais da Unión Europea.

Máis de vinte millóns de españois, o 40 % do noso país, viven en comunidades autónomas con varias linguas cooficiais. En galego, en catalán e en éuscaro tamén somos, tamén nos organizamos, tamén nos proxectamos, tamén nos recoñecemos e convivimos os españois. Esa é a realidade de España, esa é a identidade do noso país que quedou plasmada na Constitución Española, cuxo preámbulo declara a vontade de «protexer a todos os españois e pobos de España no exercicio dos dereitos humanos, as súas culturas e tradicións, linguas e institucións», e que reitera, no artigo 3, que «a riqueza das distintas modalidades lingüísticas de España é un patrimonio cultural que será obxecto de especial respecto e protección». É un recoñecemento da nosa identidade, pero tamén é un mandato aos poderes públicos. Para o Goberno de España, protexer e promover as nosas linguas é por tanto unha obriga, unha resposta a ese mandato constitucional. Así, o estraño non é que o Goberno de España ou o Ministro de Asuntos Exteriores defendamos a nosa identidade nacional. O estraño e anómalo sería non o facer e faltar ao mandato constitucional. Pero para este Goberno, o recoñecemento das nosas linguas non é só unha obriga, é tamén una convicción profundamente democrática e fondamente cívica. Democrática, porque parte do respecto aos españois e ás españolas, a todos eles, tal e como son, tal e como somos e como vivimos cada día. Cívica, porque sobre esa riqueza lingüística construímos a nosa convivencia nunha España real que é libre precisamente no recoñecemento da súa identidade plural.

Desde esa convicción emprendemos o camiño cara a oficialidade en Europa do galego, o catalán e o éuscaro. Un camiño irrenunciable porque non podemos renunciar á nosa identidade nacional; un camiño irreversible porque vai máis aló dun momento conxuntural. Non se pode gobernar España dando as costas a máis de 20 millóns de españois e á Constitución Española.

Trátase ademais dunha aspiración amparada polo propio Tratado da Unión Europea, que sinala no seu artigo 3.3. que «a Unión respectará a riqueza da súa diversidade cultural e lingüística», e establece, no seu artigo 4, a obriga de que a Unión respecte a identidade nacional dos Estados membros. É, en todo caso, unha decisión política posto que, tal e como indica o artigo 342 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea, «o réxime lingüístico da Unión será fixado polo Consello mediante regulamentos, por unanimidade». Unha aspiración lexítima, acorde cos tratados e que non debe supoñer inquedanza ningunha para os nosos socios, posto que temos establecido uns criterios que impiden que sexa un precedente para aquel Estado que non o desexe, España asume todos os custes das tres linguas e deixamos ben claro, cun sólido informe xurídico, a conformidade coa regulación europea. España respecta e apoia a identidade nacional de todos os Estados membros da UE e esperamos o mesmo respecto e o mesmo apoio dos nosos socios europeos para a nosa identidade nacional. O camiño á oficialidade temos que percorrelo xuntos; temos que impulsalo en España e en Europa, todos os partidos políticos e grupos parlamentarios. Temos que facelo unidos en defensa da nosa Constitución e desde o orgullo da nosa identidade nacional. Máis de dez millóns de europeos falan catalán, moitos máis que outras linguas oficiais da Unión Europea. Uns tres millóns de europeos falan galego. Case un millón de europeos falan éuscaro. Se queremos unha Europa forte temos que querer tamén a Europa dos cidadáns. A empresaria ou o traballador de Lleida que falan o catalán no seu día a día merecen que o seu idioma sexa lingua oficial da Unión Europea. A mestra de Lalín que cada mañá acode á escola a construír o futuro dos nosos fillos merece que o seu idioma sexa lingua oficial da Unión Europea. A familia de Zumaia que sempre falou en éuscaro merece que o seu idioma sexa lingua oficial da Unión Europea. O galego, o catalán e o éuscaro teñen que ser oficiais en Europa porque máis de vinte millóns de europeos viven en territorios onde se falan estas linguas. Porque todas as nosas linguas son fondamente europeas. Porque a historia e a literatura europea non se entenden sen Cervantes, tampouco sen Salvador Espriu, Rosalía de Castro ou Bernardo Atxaga.

O camiño xa está aberto e non se volverá pechar.