Escribir escríbese Quindós, pero pronúnciase Quindous

Arturo Reguera ESCRITOR, PROFESOR E INVESTIGADOR

OPINIÓN

foto manuel

09 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

No verán de 1965, do coche de liña da empresa La Directa, que de Lugo levaba a Degrada, no corazón dos Ancares, apeámonos varios rapaces e un home novo, dispostos a facer unha camiñada por aqueles montes tan próximos e, ó mesmo tempo, tan afastados. Dos rapaces non dou nomes, pois non estou seguro de lembrarme de todos (algúns xa dormen fóra). O home novo era don Jesús Alonso Montero, catedrático do Instituto Masculino de Lugo, onde aqueles mozos tiñamos sido alumnos seus. Eran os tempos en que profesor don Jesús ía pasando a ser o amigo Xesús. E alí, en Degrada, aprendimos que aquela fermosa ave que Fraga Iribarne andaba exterminando a escopetazos chamábase «pita do monte».

Para facilitar o noso periplo, un amigo de Xesús tíñalle feito, en papel vexetal, o calco da folla correspondente do Mapa Topográfico Nacional, que realmente non recollía mais que os nomes das aldeas polas que teríamos que pasar para chegar a Navia de Suarna, onde teríamos que coller outro coche de liña para Lugo. Por tanto, era chegar a unha aldea e, se era tarde, pedir pousada, e se non, preguntar polo camiño para a aldea seguinte. Chegou o momento en que a seguinte aldea, segundo o noso mapa, era Quindós, e ó pasarmos pola aldea anterior vimos un home xa vellote, picando leña, a quen, despois do saúdo de rigor, preguntamos polo camiño para Quindós, e o home explicounos detalladamente por onde teríamos que seguir para chegarmos a Quindous. Ó noso profesor non lle pasou desapercibida a mudanza e preguntou:

—E logo é Quindós ou Quindous?

—Escribir, escríbese Quindós, pero pronúnciase Quindous—respondeu o noso informador.

Desta forma tan simple e expresiva aquel vello ancarés explicounos que Quindous é un dos moitos topónimos galegos que tiña sido deturpado, como Rianxo (Rianjo), A Pontenova (Puentenuevo) ou o famoso Niñodaguia (Niño de la Guía).

Esta vella historia, case esquecida, veume á tona da miña memoria ó ler a noticia de que un cineasta de orixes galegas, Óliver Laxe, tiña levado un importante premio no festival de Cannes, e que restaurou a casa dos seus avós para sede de importantes actividades co nome de Casa Quindós. E a pregunta salta ela soa: Por que Quindós e non Quindous?

E a partir de aquí, permítame, señor Laxe, que me dirixa directamente a vostede. Non teño a mínima dúbida de que os seus avós pronunciaban Quindous, como o vello ancarés, aínda que, como el, escribisen Quindós. E pouco importa que un Quindous sexa de Navia de Suarna e o outro de Cervantes, a palabra é a mesma. Por outra parte, vostede chámase Laxe, e penso que non me equivoco se supoño que xa foi Lage en tempos en que a propaganda oficial orneaba «No sea bárbaro, hable en castellano». Pois ben, se vostede ou a sua familia tiveron o bo acordo de restaurar o apelido Laxe á súa forma correcta, por que non fai o mesmo coa Casa Quindous?