
Caín na trampa coma unha idiota. E iso que teño o límite de Instagram en 15 minutos ao día. Era un anuncio da crema que utilizo acotío, e que sempre merco en liña. Vin que tiñan un desconto do 20 % e como me facía falta repoñela, alá fun: ao enlace de Instagram, que me levou á web na que merquei a miña crema. Pero no momento no que confirmei o pago saíu unha mensaxe un pouco rara que me daba os parabéns e me dicía que o meu pedido xa estaba de camiño... E eu pensei, pero se acabo de mercalo! E entón entrei ao meu correo para ver a mensaxe de confirmación, e foi alí cando me decatei de que acababa de caer, coma unha tonta, nunha desas estafas nas que clonan a páxina web do produto orixinal facéndote crer que estás na páxina oficial, cando o que estás é regalándolle cartos a un estafador que nunca vai enviar o produto. E aínda que o que gastei (uns trinta euros) non era ningunha fortuna, a frustración por ter caído, e a sensación de impotencia, quedaron comigo uns cantos días...
Sempre houbo estafas e enganos. Sempre. Pero coido que hoxe en día, no mundo dixital, é máis difícil que nunca velos vir. E a pesar de que unha ten coidado, e que está ao día de que estas cousas pasan, a verdade é que caer é ben sinxelo, e non require nada máis que deixarse levar por un impulso momentáneo. As redes sociais son o que son. Quizais naceron coa premisa de conectarnos os uns cos outros, coa idea de compartir e crear comunidade, pero a realidade é que o que fan é roubar a nosa atención (e a nosa intimidade), vendernos produtos, e manipular os nosos pensamentos cunha perspectiva do mundo nesgada por un algoritmo cada vez máis poderoso, cada vez máis perigoso.