Quen son os parvos?

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

16 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Que listos todos eles. Que listísimos! Por iso están forrados, por seren eminencias e portentos da intelixencia. Uns prodixios, vaia. Que mal pensados eses que din que se enriquecen por avaricia, trasfegando o carto público coma se fose propio. Diso nada!

O problema é que hai moito que mover, por iso precisan intermediarios que lles axuden a trasladar as sacas cheas de billetes. Ollo, que isto é oficio complexo, non o pode facer calquera.

A quen contratarían vostedes? Póñome a buscar pistas e o currículo do gran «repartidor» é un poema. O máis antigo que atopo da súa vida laboral lévame a un vixiante de explosivos e substancias perigosas. O que non se sospeitaba aínda é que o perigo realmente era el. Hai anos, agrediu a un condutor ao que lle cortaron o paso a un recinto, rompéndonlle varios ósos. Por isto, foi condenado e indultado pero, tempo despois, agrediu a un menor porque, seica, non lle gustaba o lema da súa camisa: Independentzia.

De aquí, pasou a formar parte de certos consellos de Portos do Estado ou Renfe e, posteriormente, asesor de ministro. Aí é nada.

Con ese historial, eu, que non son nada lista, non poñería nesas mans os meus aforros, nin lle deixaría levar a batuta de ningún negocio. Pero claro, a min moito esforzo me custa gañalos e non llos cedo a calquera. A ver se a cuestión vai estar aí, en ter que gañar as cousas.

A eles non lles fai falta, por seren moi listos, e tamén queren facernos parvos. Pero... a ver se non vai ser o reparto da intelixencia tan evidente.