Vida sintética

Jorge Mira Pérez
Jorge Mira O MIRADOIRO DA CIENCIA

OPINIÓN

Las Facultades de Bioloxía y Matemáticas de la USC, en una imagen de archivo.
Las Facultades de Bioloxía y Matemáticas de la USC, en una imagen de archivo. xoan a. soler

16 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Sabemos dende pequenos que os seres vivos son aqueles que nacen, medran, se reproducen e morren. A vida é, en certo modo, unha propiedade da materia, que agroma cando esta acada un alto grao de complexidade. Para iso requírense certos pasos, como a formación dunhas moléculas (unións de átomos) chamadas aminoácidos, que acaban montando unhas moléculas máis grandes, chamadas proteínas, e outras moléculas tamén moi grandes que permiten transmitir as instrucións para formar proteínas e outras estruturas orgánicas (o que chamamos xenes). Para que a vida se sosteña, o conxunto desas estruturas debe ser capaz de comunicarse internamente e crear membranas, coas que manterse ordenado e separarse do medio que as rodea e intercambiar materia e enerxía con el.

Pero un grupo da Universidade de Harvard (co que colabora un físico galego) acaba de dar un salto cualitativo nese concepto, tras fabricar unhas estruturas artificiais con polímeros (moléculas formadas pola repetición de pequenos agrupamentos de átomos) que non teñen átomos de carbono: esas estruturas medran, reorganízanse e reprodúcense de seu, pero sen proteínas, sen xenes, sen células vivas. Trataríase, en certo modo, dunha vida sintética, fóra da bioloxía. A pregunta de fondo é se a vida pode comezar sen proteínas nin xenes, e se é posible que dita vida teña prosperado noutros lugares do universo.

Os autores contarán o seu traballo en Galicia esta semana, no marco dun congreso internacional de física e matemática non lineal e do congreso español de física estatística.