A revolución do verán

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Antía Castillo

26 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

«Este ano non penso mercar bikini novo», espetoume, como se iso fose unha novidade. E mentres eu pensaba, claro!, eu tampouco, aínda tivo tempo de engadir: «Tamén che digo que paso de medir se me medrou a barriga».

Todos os anos a mesma proclama, pero logo non hai verán que non miremos no espello como disimular as graxas e as peles baixo o tecido elástico. A miña amiga ten razón: xa está ben.

Recoñezámolo, isto sería unha auténtica revolución. Lembro escoitarlle a un fotógrafo que as grandes imaxes son aquelas nas que as persoas aparecen de costas e, así, resultan perfectamente recoñecibles. Referíase a xente famosa, claro, pero a min, que me gusta saír nas instantáneas sen amosar o rostro, pareceume marabilloso. A nosa figura, os pregues ou distensións da pel, son parte de identidade propia. Non deberiamos renegar deles. Levo unha pequena cicatriz enriba dunha cella, lembranza dun corte da infancia que esquecín, pois a vida tamén é iso, deixar atrás os golpes que recibimos. Tamén teño unha mancha escura enriba dun ombreiro. Houbo un tempo no que, cada verán, meu pai preguntaba que me pasara, coma se antes non estivese aí, definíndome. Se ma arrebatasen, botaríaa en falta.

Na cara, nas mans, nas pernas... foron aparecendo pinchas diversas, engurras, pregues... Tiven dúas nenas e o corpo estirou e encolleu axustándose ás novas vidas. Pero cando teño medo, as pernas seguen manténdome en pé, non me abandonan, non fraquean. E avanzan en todas as adversidades.

Unámonos á revolución da supervivencia, á de amosar na pel todas as cicatrices. Que sexa verán no noso corpo.