
No século VI a. C., Bias, un dos Sete Sabios, así como quen non quere a cousa, deixou inscrita no templo de Apolo en Delfos esta frase demoledora: «A maioría dos homes é mala». Despois diso, unha pregúntase para que se continuou coa filosofía, pois o tal Bias, do que pouco máis sabemos, puxo aí a peza de dominó que tira con todo: a democracia, o idealismo, o cristianismo, a Ilustración de principio a fin, e o marxismo, claro. Eu, como inxenua novelista convencida de que ata con Hitler se cumpriu o amor ao próximo, como mínimo en dúas ocasións, négome a aceptala por moito que a realidade teime en darlle a razón a Bias.
A maior parte da xente é mala ou só o é en manda? Os nosos fillos adorados que se converten en bestas no patio da escola son malos? En realidade, o que está detrás da frase de Bias é que as masas son máis manipulábeis que os individuos, sobre todo se se convencen, curiosamente, de defender o seu interese individual. Esa é a base do fascismo e, por iso, cando se deu o caso, accedeu democraticamente ao poder, fose Hitler ou Donald Trump. Porén, e aínda que nos faga graza o seu estilo de cowboy tan ben escenificado na OTAN, o problema non é Trump, senón as masas convencidas que campan polo mundo. Non hai nada máis condenadamente individualista que o fascismo, ese que está metido xa nese grupo de WhatsApp co que vostedes organizan a excursión dos seus fillos, nas reunións da comunidade ou nas xuntanzas de traballo. Non é Trump, somos todos, que deixamos de crer que a democracia era o sistema menos malo, como dixo Churchill, para confundir a liberdade co interese, e de aí a incapacidade para tolerar as decisións colectivas. Así que, antes de rirse do presi americano, pense vostede con cantos Trump trata a diario.