Feijoo no congreso do PP

Siro
siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

siro

05 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

En 1986, cando o vicepresidente da Xunta, Xosé Luís Barreiro, e todos os conselleiros presentaron a dimisión ao presidente Fernández Albor para forzalo a deixar o cargo, Romay Beccaría chamou desde Madrid ao presidente e díxolle: «Non dimitas. Mañá estou aí e arranxo outro Goberno». E fíxoo, e o sucesor de Barreiro na vicepresidencia da Xunta foi Mariano Rajoy, que unha semana despois se laiaba: «Levanto un papel y encuentro mierda». Barreiro deixou o PP, converteuse no líder de Coalición Galega e apoiou a moción de censura que levou o socialista Fernando González Laxe á presidencia. Pouco antes eu publicara unha caricatura na que Rajoy e Manancho Villanueva, conselleiro de Turismo, ían pola rúa vestidos como damas do século XIX e ao pasar preto de Barreiro, representado como un maleante cheo de tatuaxes e cadeas que limpaba os dentes cunha navalla, Rajoy dicía: «Vámonos, Manancho, que ese es peor que el cojo Manteca».

Barreiro foi para Rajoy peor que o coxo Manteca ata que, pasado o tempo, coincidiron e Barreiro saudouno cordialmente. Rajoy non acababa de fiarse, pero cando viu que a reconciliación era posible déronse unha aperta e enterraron o pasado. Sei por experiencia que ser amigo de Barreiro non é difícil e intúo que de Rajoy tampouco. Por iso a entrevista publicada en La Voz hai poucas semanas foi unha conversa entre amigos. Porén, malia non ser eu nada sagaz, coido que foi iso e máis. Que cando Rajoy dixo «La moderación es la vía para la victoria de Feijoo» estaba a recomendar a Feijoo que pasara de Aznar e dos aznaristas que queren velo día e noite como un pitbull na xugular de Sánchez; e foi tamén unha reprobación do Aznar expresidente que non sabe selo, o que tentara subírselle á chepa a el cando foi xefe de Goberno e agora anda brinca que brinca, coas bridas na man, para subir á do candidato Feijoo e dirixilo.

Podía ser perspicaz de máis, claro, pero o pasado día 29 La Voz reproducía as opinións de Alfonso Rueda, que eran as mesmas de Mariano Rajoy: «En España no podemos renunciar al centro, a toda esa gente que está dispuesta a cambiar su voto, personas que votaron al PSOE, que están absolutamente decepcionadas. Hay que dirigirse, especialmente, a esa gente. Con la moderación. Coincido con lo que decía Mariano Rajoy en la entrevista del pasado domingo. En la moderación y en el centro es donde nosotros debemos estar». Home, está clarísimo que os dous fixeron público o apoio a Feijoo para que non haxa sobresaltos no congreso do PP que comezou onte. E vai Feijoo e nomea secretario xeral a Miguel Tellado. Non entendín nada ata que lembrei os comentarios dos expertos sobre Ilia Topuria: «Ao ataque é demoledor, pero na defensa corpo a corpo no chan é aínda mellor».

Non ten volta: Tellado é número dous para atacar os de fóra e defender a Feijoo dos de dentro.