
Que pensaría hoxe Orson Welles vendo a guerra dos drons en que andamos? Hai anos, cando se popularizaban os vats (vehículos aéreos non tripulados), previamos dous mundos orwellianos: o dos países con ciencia e tecnoloxía aplicables á vida cotiá e os que carecían desas capacidades. Chegou un momento en que urxía a ordenación detallada dos espazos aéreos —urbanos e abertos— para impedir choques entre máquinas voadoras intelixentes, ¡tantas habería ao servizo da poboación! Íamos recibir á porta da casa comida preparada, paquetes de libros ou medicamentos; e pezas de reposto ou combustible nun lugar remoto.
Daquela, os organismos reguladores do espectro radioeléctrico puxéronse a repartilo para evitar interferencias entre os transceptores dos vats. E velaí o que temos: nin un só deses aparellos funga polo aire salvo se transporta cámaras de vídeo, radares, bombas ou fusís de precisión. A aviónica afinou as plataformas de transporte, e as telecomunicacións usaron cantos recursos de transmisión se coñecen —por ondas e fibra óptica— para espiar, localizar, confundir e destruír o inimigo.
Tres preguntas derradeiras: Acabará algún día a guerra? Seremos capaces de usar o aprendido durante ela para fins pacíficos? Han caer as barreiras do coñecemento entre os países?
Oxalá se consiga algo.