Maná

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

No disponible

10 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Sucede en ocasións. Abro a libreta para escribir que o sol semella unha laranxa doce e fresca. Pero acabo escribindo que non soporto a calor. Pasoulle a Unamuno cando edificou a súa gran «nivola», que sempre me pareceu un petisco de alto gourmet. Niebla publicouse en 1914, cando había escritores que pretendían ser distintos. En Niebla os personaxes rebélanse contra o autor. E van, camiñan, ao seu aire. Pásame a min nesta hora. Quería contar as sensacións do concerto de Maná no Monte do Gozo o pasado sábado. Quería dicir que foi decepcionante. Un espectáculo demediado. Sálvase o magnífico batería e un guitarrista cumplidor, sen excesos. Carecen de voces. Carecen de músicos que os abriguen. Non se pode ter ínfulas de gran banda e tocar, diante de vinte mil entusiastas, como se estiveses nunha verbena de Jalisco. Sobraron as obrigas (a ditadura da corrección política) que nos relataron a repetida homilía: cambio climático (con elefante incorporado), que malos son os gringos, que Palestina, que Ucrania, que feminismo, que LGTBI, etcétera. Sobrou a sorpresa de Carlos Núñez, ao que tanto admiro, interpretando unha rianxeira que parecía un réquiem sen Mozart. Porén, a decepción non é relevante. É miña, simplemente. Foi a primeira vez que acudín a un concerto de Maná. Con medo. E o medo tornouse certeza. Hai artistas aos que non debes aproximarte. Nunca estar perto deles. Escribín unha biografía de Borges. Pero, anos antes de escribila, non quixen coñecer a Borges. Quizais encontre aos Maná cantándome Mariposa traicionera en calquera solpor. Chorarei como só choran os felices. Brindaremos con caña ou tequila. E saberemos que, pese a todo, o único que importa é vivir.