Si, queremos

OPINIÓN

CEDIDA

15 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Ocupa toda a páxina. É un anuncio do Ministerio de Igualdade, conmemorando as dúas décadas da lei do matrimonio igualitario.

A frase que elixiron é esta: «Vinte anos, despois, si, seguirmos querendo». De todas as palabras, por tamaño e grosor, destaca o «si». Mágoa que estea mal escrito, pois eles puxeron «sí», con acento, cando en galego este monosílabo non o leva.

Sei que é un erro sen ningunha mala intención, pero está mal. E digo isto porque o eslogan é unha tradución do castelán que, sen dúbida, pasou por un tradutor oficial, xa que o resto de termos aparecen correctos.

O peor, precisamente, é isto, que os organismos oficiais amosen este desleixo en canto á lingua.

Non sei se o problema é que os tradutores non teñen formación, ou sinxelamente que non se revisa. Ou, peor aínda, que ninguén teña o nivel cultural mínimo necesario para detectar o problema.

Si, queremos que se valore o noso idioma propio.

Si, queremos que a Administración realice as súas campañas sen faltas de ortografía.

Si, queremos que a corrección sexa esencial.

Si, queremos que se fomente o respecto pola diversidade lingüística.

Si, queremos que o prestixio á nosa lingua sexa unha realidade.

Si, queremos que o amor pola lingua teña credibilidade.

Si, queremos xa normalización.

Si, queremos todo isto. E todo o queremos cun si sen acento. Porque de pouco valen todas as prédicas se a realidade e os feitos van por outros camiños. Os sentimentos necesitan tamén de accións que, inevitablemente, producen consecuencias.