
A historia de Torre Baró fíxose coñecida polo filme El 47. Nela cóntase como, nos 60, moitos migrantes procedentes de Estremadura, chegaron a Barcelona en busca de traballo e unha vida mellor. Asentáronse nun barrio ás aforas de Barcelona e, con moita humildade e esforzo, foron converténdoo nun lugar habitable.
Pasaron moitos apuros e algunha situación que lindaba a legalidade, como a vez que secuestraron un autobús como protesta por sentírense illados. Pero a unidade dos veciños logrou facer de Torre Baró, un lugar máis agradable. Falouse deste pobo cando a estrea do filme que contaba a súa orixe. Mais adoitamos ter memoria de curto percorrido e todo o que nos emocionou esa historia, esvaeceuse coma o fume. A poboación da que falamos estes días é Torre Pacheco, en Murcia. Os protagonistas tamén son migrantes. Non o están a pasar ben, como lles pasou aos estremeños ao chegaren a aqueles terreos no alto dos arrabaldes barceloneses. Mais a cuestión é distinta: séntense présas dos que se cren superiores a eles por teren nacido nese territorio.
Que triste esta loita de razas nunha sociedade evolucionada. Que terrible que se fagan cacerías de persoas. As imaxes das rúas desertas, das patrullas policiais enchendo as rúas, dos comercios pechados... son desoladoras. Unha veciñanza agochada, aterrorizada... Paremos xa esta deriva de odio, por favor. Basta! Non somos bestas.