
O crecemento das cidades sempre dependeu máis da chegada de foráneos ca da fecundidade dos autóctonos. Benvidos ou mal recibidos, a cidade fórmase cos fluxos de entrada e saída. Acaso o incremento da poboación galega se debeu só á endogamia vernácula? Uns emigraron e outros deixaron as vilas e pobos polas urbes buscando un traballo, darlles estudos aos fillos, mercar un piso, mellorar a vida.
O fenómeno turístico tamén é fluxos poboacionais que se manifestan e resolven a diario nas rúas como lugares encontradizos. O chamado turismo de calidade é o das rendas folgadas que poden viaxar en calquera mes, consumen produtos caros e fan subir os prezos por osmose. Eles non se consideran turistas senón viaxeiros. Iso é o que reclama o «sector» e boa parte da cidadanía.
En cambio, o turismo popular é o que se pode permitir a maioría da poboación, aforrando ou endebedándose. Son as vacacións de verán, ou a terceira idade que equilibra a oferta hostaleira no inverno. É un gran paso na mellora da sociabilidade, pero invade porque ninguén vai perder a oportunidade de ver a praza Maior, a catedral ou a muralla, ou de bañarse nas praias.
O que os «expertos» demandan agora é un turismo alternativo, mesmo cualificado como ético, ben intencionado e con intereses diversificados, pero desde o momento en que se promociona a través das redes sociais, boas e malas, acabará por masificarse e cambiarán de destino.
O turismo é o grande éxito da economía española para unha sociedade superficialmente relacionada, divertida, que se evade das penas do mundo viaxando. Non é estimulante ver esas grandes concentracións xuvenís cantando a coro nos festivais de música, como fixemos nós? A contradición aflora no seo da propia cidadanía, entre os que tiran beneficio e os que só ven inconvenientes.
Todos temos algo que ver con este fenómeno explosivo, que non é doado xestionar. Os excesos dificultan a convivencia e está ben que se regulen con leis e ordenanzas, pero teño a sensación de que hai demasiadas, unha para cada problema concreto, perdendo o contexto, e faltan mecanismos efectivos de control.
A paixón turística e a conseguinte avaricia mercantil, cantos máis mellor, parecen imparables. O risco é que isto pode terminar nunha crise inmobiliaria, xirando outra vez en torno á vivenda, como a que algúns predixemos alá polo ano 2000, antes da explosión da burbulla, e que o realmente prexudicado sexa o turismo imposible, o non turismo dos que quedan na casa, as rendas baixas e a inmigración que maioritariamente sostén.