Outro camiño para o galego en Europa

Eduardo Maragoto EXPRESIDENTE DA AGAL (ASSOCIAÇOM GALEGA DA LÍNGUA)

OPINIÓN

Racing de Ferrol

23 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Quen me coñeza sabe que nunca me oporía a que o galego fose recoñecido como lingua minoritaria na Unión Europea. Mentres haxa persoas que usen o galego como tal, isto é, co mesmo status que normalmente é dado ao vasco ou ao catalán, elas teñen os seus dereitos, e a Unión Europea, berce de tantos outros recoñecementos, non debería adiar este.

 Non obstante, eu, como xa dixo nestas páxinas Víctor Freixanes, non creo que sexamos falantes dunha lingua minoritaria, nin creo que sexa conveniente presentala ao mundo como tal.

Somos, ou polo menos podemos ser, unha lingua de comunicación internacional, probabelmente unha das dez que aínda estarán vivas no mundo pasadas mil primaveras. Temos a oportunidade de mostrarnos como usuarios dunha das múltiples formas da lingua coñecida mundialmente como portugués e que xa está presente en todas as institucións internacionais, incluídas, obviamente, as europeas. Non sería máis sensato seguir esta liña de traballo que xa tentaron ilustres deputados galegos, desde José Posada (Coalición Galega) ata Ana Miranda (BNG)?

Para desfrutar da oficialidade do galego en Europa, bastaría unha pequena decisión administrativa, infinitamente máis fácil de tomar que acompañar a estratexia de vascos e cataláns tentando equiparar as linguas minoritarias ás estatais. Basicamente, porque a decisión podería tomarse aquí: recoñecer a identidade lingüística galaico-portuguesa e ensinar, dentro das clases de galego, outras formas da mesma lingua no mundo. Esencialmente, ensinar que o galego é útil, para ir a Bruxelas ou ao Rio de Janeiro.

Para explicar a pertinencia desta vía de oficialización, non me referirei, esta vez, a Carvalho Calero, senón á carta enviada polos gobernos de Illa e Pradales aos estados membros. Nela, afirman que Europa non se entendería a si mesma sen «Ramón Llull, sen a lírica medieval galaico-portuguesa ou sen o legado de Bernat Etxepare». E é que, a diferenza da lingua de Etxepare ou Llull, a lingua da nosa poesía medieval xa está na Unión Europea.